Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC analiza nunha xornada técnica estratexias contra o abandono no medio rural

Participantes na xornada técnica de estratexias contra o abandono no medio rural, na EPS de Enxeñaría
Participantes na xornada técnica de estratexias contra o abandono no medio rural, na EPS de Enxeñaría
O profesor da USC e investigador do grupo Proepla Manuel Marey advirte das múltiples causas e da falta de solucións globais para frear o “problema capital da Galicia interior”

Técnicos, investigadores e membros da Administración e representantes de asociacións analizan e debaten este mércores estratexias acaídas contra o abandono no medio rural no marco dunhas xornadas organizadas polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da USC en colaboración coa Oficina Agraria Comarcal de Lugo e que congregan na Escola Politécnica Superior do Campus Terra a máis de medio centenar de participantes.

A diagnose das causas do progresivo abandono que está a sufrir o medio rural, desde a propia evolución demográfica, a conxuntura económica, a perda de valores asociados á vida en áreas rurais e mesmo escaso ou nulo recoñecemento social que se da aos axentes produtivos e á poboación do medio rural, centraron a temática das intervencións desenvolvidas en quenda de maña, na que os distintos relatores convidados fixeron unha radiografía respecto dos diversos factores que inciden no abandono, “o problema capital que está a sangrar a Galicia interior e o seu tecido produtivo”, segundo indicou o coordinador desta xornada, profesor da EPS de Enxeñaría e investigador do grupo Proepla, Manuel Marey.

A definición do abandono rural, un concepto sobre o que tampouco existe consenso, centrou a exposición coa que Noemí García, de Tenzas, abriu a quenda matinal de relatorios, unha sesión na que diferentes especialistas abordaron cuestión ligadas á necesidade de avanzar na planificación do territorio e tamén das actividades produtivas como ferramenta para mitigar o abandono , ao tempo que analizou o abandono no rural no contexto europeo e mesmo se fixo fincapé na conflitividade social, xa a derivada pola falta de axilidade na regulación na tenencia das terras, problemática de lindes ou mesmo por mor do regulamento dos usos.

Unha vez completado este primeiro esbozo sobre a envergadura da problemática que representa en Galicia o abandono no rural, estas xornadas técnicas serviron en quenda de tarde de escenario no que se presentaron ou deron a coñecer algunhas das medidas territoriais xa actividades para frear o abandono rural. Unha batería de medidas ampla e diversa que abrangue desde os Plans de Desenvolvemento Rural impulsados pola Administración autonómica a acción actividades por entidades locais, ata a actuacións transversais, integrais e innovadoras que actúan como instrumentos de cambio.

A presentación de iniciativas e proxectos concretos xa desenvolvidos ou en fase de execución, pero cun aceptable grao de éxito en localizacións rurais determinadas serviu de colofón destas xornadas. Daquela, diversos relatores falaron neste foro dos resultados xa colleitados con iniciativas parroquiais como a impulsada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Carballo, no Concello de Friol, a recuperación de soutos, nos Ancares, as producións melíferas ou das novas oportunidades de valorización do medio rural e do contorno natural a través da conservación.

As xefa territorial de Lugo da Consellería de Medio Rural, Olga Iglesias; o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, e o coordinador deste foro e do grupo de investigación Proxectos e Planificación (Proepla) da USC, Manuel Marey, foron os encargados de inaugurar estas xornadas, no marco dunha breve sesión na que deron a benvida ao numeroso público participante.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2017.