Pasar al contenido principal

A investigadora María Vieites Díaz, nomeada coordinadora adxunta de física no experimento LHCb do CERN

María Vieites (Ribadeo, 1991) estudou Física na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 2019
María Vieites (Ribadeo, 1991) estudou Física na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 2019
A investigadora que se incorporará ao IGFAE da USC no mes de setembro, acada un dos cargos máis relevantes nesta colaboración científica, na que participan máis de 1.700 persoas de todo o mundo
Santiago de Compostela

A investigadora galega María Vieites Díaz acaba de ser designada como coordinadora adxunta de física no experimento LHCb da Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN). A designación chega a piques de producirse a súa incorporación ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), en setembro de 2024, como investigadora do programa Ramón y Cajal, financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O cargo no experimento LHCb é un dos máis relevantes nesta colaboración, da que forman parte máis de 1.700 persoas, entre persoal científico e técnico, pertencente a máis dun cento de institucións de 22 países de todo o mundo, incluído o IGFAE, centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia.  

A designación de María Vieites Díaz foi anunciada polo coordinador de física de LHCb, o profesor Fred Blanc, da École Polytechnique Fédérale de Lausanne (EPFL). Dende o vindeiro 1 de agosto, e durante dous anos, coordinador e adxunta traballarán de xeito conxunto para organizar as actividades do experimento vinculadas á física. Neste cargo, a científica galega xogará un papel clave para guiar a axenda científica desta colaboración.

O experimento LHCb (as siglas de Large Hadron Collider beauty) foi deseñado principalmente para realizar medicións relacionadas co estudo da violación da simetría CP. Este é un feito esencial para comprender as asimetrías entre materia e antimateria, e explicar por que no universo prevalece a primeira sobre a segunda. Entre as responsabilidades da investigadora atópanse a supervisión da análise dos datos, garantir a calidade científica dos resultados e coordinar a comunicación entre todos os equipos internacionais que participan na colaboración. Sobre o seu nomeamento, Vieites Díaz destaca que “ter sido escollida para este cargo supón unha gran honra para min e síntome moi ilusionada e con moita enerxía para afrontar os próximos dous anos con esta nova perspectiva en LHCb”.

No IGFAE, María integrarase no programa de investigación de LHCb, onde se centrará na análise dos datos producidos durante o ‘Run3’ (o novo período de toma de datos) e o funcionamento deste experimento do CERN. Tamén contribuirá ao desenvolvemento das futuras melloras tecnolóxicas do detector LHCb, así como á actualización dalgunhas das medidas das anteriores fases do experimento (Run 1 e 2) que demostraron ser potentes probas da consistencia do Modelo Estándar.

Currículo


María Vieites (Ribadeo, 1991) estudou Física na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 2019. Especializouse no estudo das diferenzas de comportamento entre a materia e a antimateria mediante a análise de amplitudes en decaementos de mesóns B no experimento LHCb do CERN. Posteriormente incorporouse á École Polytechnique Fédérale de Lausanne (EPFL), en Suíza, como investigadora posdoutoral no grupo local da colaboración LHCb, contribuíndo á análise das desintegracións radioactivas de mesóns B. Actualmente, María é persoal investigador (Research Fellow) no CERN.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.07.2024.