A USC e o Consorcio de Santiago presentaron o libro 'De Compostela a los Andes: Santiago vive'
A Facultade de Filosofía acolleu este mércores a presentación do libro De Compostela a los Andes: Santiago vive, da autoría da doutora chilena en Historia da Arte Olaya Sanfuentes Echeverría e publicado conxuntamente por Edicións USC e o Consorcio de Santiago. Na presentación participaron, ademais da autora, a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera; o profesor de Historia da Arte Juan Monterroso; a xerente do Consorcio Belén Hernández; e os responsables dos departamentos de publicacións da USC e do Consorcio, Juan Blanco e Juan Conde, respectivamente.
O volume aborda a creación en América de iconas de gran popularidade baseadas na figura do apóstolo Santiago, conformadoras dun repertorio que segue ampliándose na actualidade. Así, como se explica no volume, as aparicións míticas do Santiago Matamoros na Península servirían de fundamento á imaxinería de ultramar para a creación de iconas como Santiago Mata-indios, Santiago Mata-araucanos, Santiago Mata-patriotas ou Santiago Mata-chilenos. Apóstolo nos seus inicios, peregrino e predicador, a figura de Santiago encarna, nas súas múltiples recreacións castrenses, a loita contra os inimigos dunha sociedade historicamente entregada aos valores do cristianismo.
Amplo estudo iconográfico
De Compostela a los Andes: Santiago vive é o resultado dun traballo de investigación realizado a partir dun amplo estudo da iconografía cristiá arredor da figura de Santiago o Maior, patrón de numerosas poboacións sudamericanas, entre elas, a cidade de Santiago de Chile, e a súa chegada dende España, especialmente a partires do século XVI, mostrando a gran influencia que tivo en ambos continentes.
Nos sete capítulos dos que consta a obra a autora fai un orixinal repaso sobre a figura do apóstolo Santiago en España e América, a través das súas imaxes e ritos. No libro explica como a personaxe comeza sendo representada coma un peregrino e logo coma 'Matamoros", para así mostrar a importancia da destrución dos inimigos da fe cristiá na España do medievo. Ao chegar a América, Santiago volve a cambiar de significado, nacendo a figura de Santiago "Mataindios", para ilustrar a loita cos novos inimigos da cristiandade: os indíxenas americanos. Posteriormente seguen aparecendo novos Santiagos. Por exemplo, na Guerra do Pacífico, atópanse imaxes peruanas de Santiago "Mata chilenos", e durante a ditadura franquista en España aparece o "Santiago Matacomunistas".
Sobre a autora
Olaya Sanfuentes é profesora titular da Pontificia Universidade Católica de Chile, institución na que cursou a súa licenciatura en historia para logo obter un Master Of Arts en Georgetown University e o seu doutorado en Historia da Arte na Universidade Autónoma de Barcelona. Ensina e investiga temas relacionados coa historia visual e cultura material de América Latina e publicou varios capítulos de libros e artigos destas temáticas. É tamén autora do libro Desvelando el Nuevo Mundo. Imágenes de un proceso (Edicións USC, 2009). Escribe, así mesmo, libros de historia para nenos.