Pasar al contenido principal

Bagazo de uvas galegas para mellorar a alimentación de animais de granxa e microalgas para o enriquecemento de alimentos

Aly Jesús Castillo nun laboratorio da USC
Aly Jesús Castillo nun laboratorio da USC
Aly Jesús Castillo propón na primeira tese industrial da Facultade de Química da USC novos enfoques que dan resposta ás actuais demandas do sector agroalimentario

O sector agroalimentario atópase ante o desafío de atender demandas de produción cada vez máis complexas, nun escenario marcado pola diminución progresiva das fontes de materias primas e solos cultivables. Á súa vez, unha parte importante dos recursos agrícolas son destinados ao consumo dos animais de granxa, de aí que a aplicación nos pensos de subprodutos infravalorados da industria agroalimentaria, con alto contido bioactivo, xurda como unha estratexia prometedora.

Doutra banda, os recursos destinados ao consumo humano veñen enmarcados por esixencias dos consumidores cara a alimentos funcionais. Neste senso, a axeitada integración de fontes renovables desatendidas de elevado potencial, que requiren mínimos requisitos no seu cultivo e poden compensar as actuais fontes esgotadas, emerxen tamén como unha solución viable e sostible.

A todas estas cuestións prestou atención o investigador do CRETUS Aly Jesús Castillo Zamora na súa tese doutoral ‘Obtención, caracterización analítica e aplicación industrial de extractos bioactivos procedentes dos sectores agroalimentario e acuícola’. Mediante o uso de técnicas de extracción de mínimos requirimentos de proceso e facilmente escalables propón un novo enfoque na obtención de compostos funcionais a partir de fontes desatendidas (lideradas por micro e macroalgas) así como a reintrodución na cadea de valor de subprodutos da industria vitivinícola como o bagazo de uva, mediante a xeración de extractos bioactivos e a súa aplicación no sector industrial.

Bagazo de Albariño para penso e microalgas para as filloas
Desta maneira, na súa tese considerou materias primas moi heteroxéneas, destacando diversas variedades de algas, así como o bagazo da uva branca Albariño, que ten en común o seu elevado arsenal fitoquímico. Nunha primeira etapa obtivéronse extractos con disolventes xeralmente recoñecidos como seguros (GRAS), validando as súas funcionalidades mediante a cuantificación do seu contido bioactivo e a exploración dos seus perfís composicionais con técnicas de cromatografía acoplada a espectrometría de masas de baixa e alta resolución.

Nun segundo paso, aplicáronse os extractos xerados ao sector industrial, mediante a técnica extractiva MSAT (Medium Scale Ambient Temperature) patentada polo grupo de investigación LIDSA. Isto permitiu mellorar as propiedades dos alimentos coa primeira adición de microalgas ricas en carotenoides sobre un alimento típico galego como o son as filloas. Doutra banda, desenvolvéronse extractos a nivel industrial a partir do bagazo de Albariño, probando as súas funcionalidades sobre a alimentación de porcos in vivo, detallando múltiples efectos sobre o benestar destes animais. En suma, o traballo derivou na xeración de numerosos extractos que melloraron tanto a funcionalidade e propiedades organolépticas dos alimentos como a introdución dun subproducto do alto valor como o é o bagazo na alimentación de animais de granxa.

Sinerxías coa industria
A investigación foi posible grazas á integración sinérxica entre o desenvolvemento académico e o sector industrial (empresa i-Grape), o que permitiu a aplicación directa dos resultados no mercado. Doutra banda, a transferencia deste coñecemento ao ámbito industrial requiriu a adecuación e escalado de todos os procesos desenvolvidos na tese, coa análise da integridade das materias primas, a optimización dos procesos de produción cara a extractos ricos en bioactivos, como extraccións de baixo impacto enerxético, o estudo da estabilidade e conservación dos extractos xerados e a súa avaliación na aplicación final.

Esta primeira tese con mención industrial da Facultade de Química estivo dirixida polas profesoras da USC Marta Lores Aguín e Carmen García Jares e desenvolveuse no Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA) e na empresa de base tecnolóxica i-Grape Laboratory, spin-off da Universidade de Santiago de Compostela. Aly Jesús Castillo acadou a cualificación de Sobresaliente cum Laude tras a súa avaliación por un xurado composto por Gerardo Álvarez, da USC; Krunoslav Aladić, da Universidade de Osijek; e Alegría Carrasco, da Universidade de Granada.

O traballo desenvolveuse no marco do proxecto europeo H2020 NeoGiANT, coordinado pola catedrática Marta Lores, e foi financiado cunha bolsa para a realización de doutoramentos industriais do MICIU e da AEI. Tamén o CRETUS participou no financiamento deste traballo cunha bolsa ás agrupacións estratéxicas 2018.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.07.2024.