Pasar al contenido principal

Accesibilidade, apoios dispoñibles e flexibilidade nos plans de estudo, cuestións a ter en conta polas persoas con discapacidade para elixir universidade

O factor con maior peso para decidir cursar estudos universitarios é a motivación persoal. Foto: Santi Alvite
O factor con maior peso para decidir cursar estudos universitarios é a motivación persoal. Foto: Santi Alvite
A profesora da USC Emma Mayo, recoñecida recentemente cun premio á mellor investigadora, é coautora dun artigo que analiza as razóns para ir á Universidade e os criterios de elección do alumnado con discapacidade

A accesibilidade aos centros, os apoios dispoñibles e a flexibilidade no deseño dos plans de estudo son cuestións que inflúen nas expectativas e na elección de estudios e universidade das persoas con discapacidade, tal e como queda de manifesto nun artigo que a profesora e investigadora do Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC Emma Mayo vén de publicar na prestixiosa revista Disability & Society (JCR Q1). Xunto a Mayo, asinan o traballo as investigadoras Isabel Fernández-Menor, Ana Doménech e Arecia Aguirre, das universidades de Sevilla, Cádiz e Jaume I, respectivamente.

Se ben é certo que o número de estudantes con discapacidade que acceden ao ensino superior medrou de xeito constante ao longo dos últimos anos, non existe un equilibrio entre o tipo de estudos elixido -as enxeñarías, por exemplo, son as menos escollidas por este estudantado-. Para dortarmos de datos cos que poder levar a cabo estratexias de inclusión eficaces, as investigadoras analizaron cales son os factores que inflúen nas persoas con discapacidade á hora de decidir realizar estudios superiores e de elixir unha universidade onde cursalos.

Motivación persoal, o factor máis presente
No estudo participaron 95 estudantes egresados dun total de 27 universidades españolas cos que se realizaron entrevistas semiestruturadas cuxos resultados confirman a existencia de factores intrínsecos e extrínsecos á hora de elixir estudar na universidade e tamén criterios persoais e relacionados coa elección da universidade.

As motivacións persoais, a discapacidade como condicionante e as experiencias previas forman parte dos factores intrínsecos aos que se refire o estudantado entrevistado. Entre os factores extrínsecos atópanse as traxectorias socialmente esperadas, as influencias por parte de diferentes axentes e a mellora das oportunidades laborais e/ou profesionais. De todos  eles, o factor con maior peso é a motivación persoal e o interese propio (37,89%), seguido da idea de que ir á universidade é o camiño socialmente agarado para elas e eles (22,10%).

Por outro lado, o estudantado con discapacidade elixe a universidade atendendo a criterios directamente relacionados coa institución -a oferta académica, a estrutura e servizos e o prestixio- e a criterios personais, como a independencia ou a influencia dos demais. Nesta liña, a proximidade ao domicilio (57,89%) e a influencia familiar, docente ou profesional (10,53%) son os aspectos máis mencionados.

Á vista dos resultados da investigación, para as investigadoras é “obriga das universidades reflexionar sobre as razóns polas que determinadas titulacións son pouco atractivas para as persoas con discapacidade e pór en marcha as medidas de adaptación necesarias para garantir unha atención axeitada a ese estudantado en todas as ramas de ensinanza e ámbitos de estudo”.

“As Universidades -matiza Emma Mayo- teñen un importante reto ante si, pois se ben non poden actuar sobre os factores e criterios persoais, si poden e deben formular estratexias e accións que favorezan o acceso e a inclusión das persoas con discapacidade”.

Premio á investigación innovadora
A temática da investigación da profesora Emma Mayo reflectida neste artigo -The voice of students with disabilities: reasons for going to university and criteria for choosin the institution- e noutros fíxoa merecedora moi recentemente dun premio como mellor investigadora “pola contribución e honorable logro en investigación innovadora” por parte da International Academic Achievements and Awards.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.07.2024.