Pasar al contenido principal

Conferencia de Klaus von Klitzing, Premio Nobel de Física en 1985

12.09.2024 | 19.30h

Santiago de Compostela
Salón Nobre

Enmarcada no Programa Conciencia, leva por título ‘A revolución cuántica en metroloxía’

Cartel da conferencia
Cartel da conferencia

O físico Klaus von Klitzing, Premio Nobel de Física en 1985, estará en Compostela o 12 de setembro convidado polo programa ConCiencia que dirixe o catedrático da USC, Jorge Mira. Ese día, ás 19.30 horas no Salón Nobre de Fonseca, o actual director do Instituto Max Planck para a investigación en estado sólido, con sede en Stuttgart, pronunciará a conferencia ‘A revolución cuántica en metroloxía’ aberta a toda a cidadanía.

Klaus von Klitzing (Schroda, Polonia, 1943) licenciouse en Física na Universidade de Braunschweig e doutorouse na de Würzburg. Na súa etapa posdoutoral realizou períodos de investigación no Clarendon Laboratory de Oxford (Reino Unido) e no laboratorio de altos campos magnéticos do Instituto Max Planck, no complexo científico de Grenoble (Francia). Foi precisamente neste instituto onde tan só con 37 anos realizou o descubrimento do efecto Hall cuántico que o levou a conseguir o Premio Nobel tan só 5 anos despois, o que dá unha idea da conmoción creada pola súa contribución.

Efecto Hall cuántico
O seu traballo sustentouse sobre os adiantos que a física conseguiu na creación de sistemas de transporte eléctrico que se comportan como se existisen só en dúas dimensións no noso mundo tridimensional. Esa posibilidade fora albiscada teoricamente por J. R. Schrieffer en 1957 (Nobel de Física en 1972) e comezouse a conseguir na práctica a principios da década de 1970, na superficie que separa un material metálico dun semicondutor, abrindo as portas a un mundo inexplorado.

Cando unha corrente flúe nunha dirección por un material condutor tridimensional, ao aplicarlle perpendicularmente un campo magnético, os electróns son desviados fóra desa dirección, no coñecido como efecto Hall descuberto en 1879. A desviación aumenta de xeito continuo e proporcional coa intensidade do campo magnético aplicado; pero a mediados da década de 1970 empezouse a sospeitar que iso non sería así en dúas dimensións.

Nese contexto, von Klitzing deseñou en 1978 un experimento que amosaba que algo estraño ocorría; pero mantivo o segredo ata 1980, cando conseguiu confirmar a existencia do chamado ‘efecto Hall cuántico’: a desviación dos electróns xa non é continua co aumento do campo magnético, senón que se detén para certos intervalos de campo magnético, cunha evolución a saltos.

ConCiencia
Dende o ano 2002, máis dunha trintena de premios Nobel aterraron na USC grazas ao programa ConCiencia que a institución compostelá desenvolve de xeito conxunto co Consorcio de Santiago. Este programa de divulgación científica procura non só a proxección da cidade de Compostela como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores e investigadoras da USC.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.09.2024.