O doutorando da USC Jose Ameijeiras recibe en Bérgamo o premio ao mellor póster da Conferencia sobre Clima e Medio Ambiente
O doutorando da USC Jose Ameijeiras Alonso recibiu o premio ao mellor póster da 27th Conference on Climate and Environment celebrada recentemente en Bérgamo (Italia). Ameijeras está realizando a súa tese de doutoramento no Departamento de Estatística, Análise Matemático e Optimización da Facultade de Matemáticas da USC baixo a dirección de Rosa M. Crujeiras e Alberto Rodríguez Casal.
O traballo ‘Multimode: a package for multimodality assessment’ recolle unha revisión e o achegamento de distintas técnicas estatísticas no campo da detección do número de modas. A maiores das novas achegas no campo da estatística, accesibles á comunidade científica a través dunha librería no software estatístico R, tamén se recolle a súa aplicación a problemas de gran relevancia no ámbito do clima e o medioambiente.
Este premio, concedido polas sociedades The International Environmetrics Statistics (TIES) e GRASPA, recoñece internacionalmente o labor dos investigadores estatísticos no ámbito ambiental.