Pasar al contenido principal

Recoñecidas catro novas boas prácticas de calidade nos centros, que se engadirán ao Repositorio da USC

As persoas representantes dos centros premiados posan coas autoridades universitarias e o público asistente. Foto: Santi Alvite
As persoas representantes dos centros premiados posan coas autoridades universitarias e o público asistente. Foto: Santi Alvite
Este ano os galardóns foron para a ETSE e as Facultades de Filoloxía, Psicoloxía e Ciencias Económicas e Empresariais

A USC recoñece xa dende hai cinco anos as boas prácticas de calidade que poñen en marcha os seus centros docentes. Faino cuns premios que xa van pola quinta edición e que hoxe entregou catro novos que se suman ás 31 premiadas nas convocatorias anteriores e que poden consultarse no Repositorio de Boas Prácticas.

Os premios desta V edición entregáronse este mércores nun acto que presidiu o reitor en San Xerome e no que tamén participaron a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e o adxunto á Vicerreitoría para a Calidade, Antonio Mosquera Gonzalez.

Enténdese como boa práctica o conxunto de principios, medidas, actuacións ou experiencias xa implantadas nun centro que, reportando vantaxes de forma constatada e probada nas distintas dimensións implicadas no seu Sistema de Garantía de Calidade, poida constituír un referente a seguir para outros centros. Este ano os galardóns foron para a ETSE e as Facultades de Filoloxía, Psicoloxía e Ciencias Económicas e Empresariais.

Premios Leonardo da ETSE
A primeira en recoller o premio foi a directora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Julia González Álvarez, pola iniciativa dos Premios Leonardo. Tal e como explicou, estes recoñecementos teñen unha dobre vertente. Por unha banda, a que premia a excelencia do alumnado en dúas categorías, mellor expediente e mellor TFG ou TFM.

Por outra, os Premios Leonardo á Docencia, que recoñecen tres profesores ou profesoras de grao ou mestrado que, entre outras cuestións, destaquen nas enquisas de satisfacción do estudantado coa docencia recibida. Ademais, quen en 5 anos obtivese 3 deses premios, reciben outro á Excelencia. Por último, entregan un máis de iniciación á docencia  para o novo profesorado.

Aula profesional ECOADE
O decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoán Ramón Doldán, recolleu o premio á boa práctica pola Aula Profesional, unha experiencia que ten o seu xermolo no curso 2020-21 e que hoxe está xa consolidada. Esta iniciativa trata de formar o alumnado, de maneira extracurricular, para enfrontarse de mellor maneira ao mercado de traballo.

Entre outras accións, a Aula Profesional contempla o ciclo de conferencias ‘Aprendendo de empresas e institucións’ que trae á Facultade ao longo de todo o curso persoas, preferiblemente egresadas do centro, para explicar a súa actividade profesional. Ademais, organízase un ciclo de cinema con debate posterior sobre temáticas que afectan o centro e diversos obradoiros de empregabilidade ou de mellora no desenvolvemento de ferramentas informáticas necesarias para o futuro desenvolvemento profesional.

Boletín semanal de Filoloxía
A Facultade de Filoloxía foi merecedora doutro destes premios polo seu Boletín Semanal, que compendia nun único envío toda a información de interese para o alumnado, ben sexa de carácter académico ou de actividades culturais, por exemplo.

O premio recolleuno o coordinador de calidade do centro, o profesor Carlos Quiroga Díaz, que explicou que a finalidade é evitar o envío dunha cantidade inxente de información en correos puntuais e así unificala nun boletín de carácter semanal. Tal e como manifestou, simplicidade e transparencia son o propósito do boletín.

Curso sobre recursos documentais de Psicoloxía
Por último, a directora da Biblioteca da Facultade de Psicoloxía e Ciencias da Educación, Mª Luísa Iglesias Otero, foi a encargada de recoller o premio concedido á Facultade de Psicoloxía polo seu curso sobre recursos de información e técnicas documentais para a realización do TFG, un seminario que imparte o persoal da biblioteca xa dende o ano académico 2017-18.

Dirixido ao alumnado do cuarto curso do grao, a iniciativa busca aprenderlle o manexo de fontes documentais e de información que logo deben aplicar aos seus TFG, como por exemplo buscas bibliográficas na rede, o coñecemento e aproveitamento dos recursos do repositorio da USC ou citar bibliografía correctamente.

Enquisas de satisfacción
Aos premios ás boas prácticas, como explicou a vicerreitora López Couso, hai que lle sumar este ano un novo recoñecemento á implicación dos centros na obtención de resultados fiables nas enquisas de satisfacción do estudantado coa docencia recibida, ou sexa, aqueles centros que superasen o 15% de respostas nesas enquisas no curso 2023-2024.

Os centros premiados son as Facultades de Administración e Dirección de Empresas (27,22% de participación), de Humanidades (24,05%), de Ciencias da Comunicación (23,69%), de Formación do Profesorado (20,63%), de Filoloxía (20,40%), de Xeografía e Historia (18,20%), de Ciencias (16,89%) e de Óptica e Optometría (16,82%) así como a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (15,59%).
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.07.2024.