Pasar al contenido principal

O estudante chileno de doutoramento Hernán Cortez gaña o VIII Concurso de Pitches de Investigación do Grupo Compostela

O doutorando Hernán Cortez posando co premio do Grupo Compostela
O doutorando Hernán Cortez posando co premio do Grupo Compostela
No seu traballo explora o potencial do dereito civil de contratos para promover a economía circular

O investigador da USC Hernán Cortez López, estudante do Programa de Doutoramento en Dereito, fíxose co primeiro premio do VIII Concurso de Pitches de Investigación do Grupo Compostela polo traballo The protection of environmental interest using the tools of contract law no que explora o potencial do dereito civil de contratos para promover a economía circular. O segundo e terceiro premios foron para investigadoras das Universidades de Karlstad (Suecia) e Worcester (Reino Unido), respectivamente.

O concurso foi para Hernán Cortez “un desafío: tiven que explicar, nunha linguaxe comprensible e ordenada, a maraña de ideas que tiña na miña cabeza tras tanto tempo investigando”. “Pero tamén unha oportunidade de divertirme” e de aproveitar as potencialidades dun recurso audiovisual cada vez máis demandado e que non lle é alleo. “A edición audiovisual é un hobby que adquirín mentres traballaba como profesor en Chile durante a pandemia, nun tempo no que dominar esta técnica era o que facía a diferenza para chegar ao estudantado”, explica.

Para este estudante chileno recibir o premio foi “unha sorpresa marabillosa que me permitiu compartir unha grande alegría coa miña familia e á vez corresponder a confianza das profesoras Julia Ammerman Yebra e María Paz García Rubio, quen me levan apoiando dende que iniciei os meus estudos de doutoramento”. Ademais, confesa que os comentarios e suxestións que recibiu ao seu pitch lle axudaron “a combater algunha das miñas inseguridades sobre a investigación”.

A investigación que está realizando no seu doutorado versa sobre as ferramentas que ofrece o Dereito contractual para protexer os intereses medioambientais. Na concesión do galardón, o xurado recoñeceu o traballo de Cortez na promoción da economía circular e os valores ecolóxicos a través do dereito civil contractual e destacou a actualidade dun tema abordado desde una perspectiva novedosa.

Coa meta na docencia universitaria, Hernán compaxina o seu doutoramento coa implicación en congresos e diversas actividades académicas en Europa grazas ao apoio do grupo de investigación da USC De Conflictu Legum en España así como á Academia de Dereito Civil UDP en Chile. Con esta colaboración, manifesta, “agardo poder xerar pontes de conexión académica entre ambos países que beneficien persoal investigador e, quen sabe, quizais a futuros doutorandos coma min que crucen océanos”.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.07.2024.