Pasar al contenido principal

Alumni USC renova a colaboración coa Universidade para desenvolver as súas accións culturais e formativas

O reitor Antonio López e a presidenta de Alumni USC Eva López Barrio renovaron o convenio. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e a presidenta de Alumni USC Eva López Barrio renovaron o convenio. FOTO: Santi Alvite
A asociación organizará actividades tanto para persoas egresadas como para a propia comunidade universitaria en eidos coma a cultura ou a empregabilidade

O reitor da USC Antonio López e a presidenta da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni USC) Eva López Barrio renovaron este martes por outros catro anos o convenio de colaboración, que estará vixente os vindeiros catro anos e que lle permitirá a esta última entidade continuar coas súas accións culturais e formativas tanto para persoas egresadas como para a propia comunidade universitaria, ademais de colaborar coa proxección social da USC.

Ademais, entre as actividades previstas, contémplase a posta en valor de casos de éxito profesional de persoas egresadas da USC e establecer unha rede de contacto persoal e profesional que fomente as relacións entre elas, así como organizar conferencias, mesas redondas e actividades culturais que difundan e poñan en valor o labor docente e de investigación que se desenvolve na USC.

Así mesmo, este acordo permitirá participar no desenvolvemento de accións de mellora da empregabilidade de persoas egresadas, a través da organización de obradoiros de elaboración e presentación de currículos, busca activa de emprego ou creación de redes de contactos profesionais. O convenio inclúe tamén a posibilidade de organizar actividade dirixidas a membros da comunidade universitaria que desexen mellorar as súas competencias profesionais e sociais, en particular a aquelas persoas que inician a súa carreira profesional.

Alumni USC constituíuse o 24 de febreiro de 1996, coa finalidade de relacionar a Universidade coa sociedade, fomentar o encontro de persoas egresadas e impulsar o vínculo entre elas e a USC.

A secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella; o reitor Antonio López; a presidenta de Alumni USC Eva López Barrio e a vicepresidenta Luisa Rivas. FOTO: Santi Alvite
A secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella; o reitor Antonio López; a presidenta de Alumni USC Eva López Barrio e a vicepresidenta Luisa Rivas. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.07.2024.