Prosegue o plan formativo de Campus Terra dirixido a fortalecer as competencias da comunidade universitaria de Lugo e de profesionais do sector produtivo
O plan formativo deseñado polo campus de especialización Campus Terra da USC, financiado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, continuará no mes de setembro cunha serie de accións formativas que buscan fortalecer as competencias de diversos colectivos da comunidade universitaria do Campus de Lugo así como de profesionais do sector produtivo.
Este plan, gratuíto, reiníciase o vindeiro luns 2, de setembro, co seminario ‘Mundo rural e ditadura’, que baixo a coordinación de Alba Díaz Geada explorará o impacto no mundo rural das políticas gobernamentais durante as ditaduras en Portugal, Galicia e Brasil. O encontro será ás 10:00 horas no Salón de Actos Humanidades.
Xa o martes 3 desenvolverase na Facultade de Ciencias o curso ‘Técnicas de antropometría na docencia universitaria’, coordinado por Patricia Regal López, que permitirá ao estudantado inscrito coñecer os protocolos de medición en antropometría en diferentes poboacións para a súa aplicación no contexto docente.
A programación proseguirá o martes 10 na Aula de Procesado de Alimentos da Facultade de Ciencias co obradoiro ‘Adaptando a cociña á disfaxia e á disxeusia’ e o día 11 co coloquio ‘Despoboamento e dinamización socioeconómica do medio rural galego a principios do século XXI’ na sala de informática da Facultade de Humanidades.
‘Propiedade industrial e intelectual. Por que usar as patentes para crear valor?’ é o título do obradoiro que vai ter lugar de maneira virtual. O día seguinte darán comezo os cursos ‘Cálculo científico e técnico con Python’, que se prolongará ata o mes de outubro na EPSE, e ‘Ferramentas de deseño gráfico para enxeñeiros. AutoCAD básico’.
Nas sucesivas xornadas de setembro, e ata acabar o mes, desenvolveranse dous obradoiros máis, un sobre Mecanismo e estruturas (Corte láser) e outro sobre as posibilidades de cultivo do sabugueiro en Galicia. Ademais, terán lugar os cursos ‘Fabricación de placas de circuíto impreso PCB’, ‘Utilización das TIC nos procesos de avaliación e control do plaxio, ‘Intelixencia Artificial para a docencia universitaria’, ‘Curso básico sobre cultivos celulares: introdución na investigación’ e ‘Pedagoxía do lugar e revitalización do medio rural galego: tendencias actuais’.
Inscrición
O prazo de inscrición en calquera das accións permanece aberto, polo que as persoas interesadas poden realizar xa a súa matrícula de balde a través do formulario habilitado en liña. As prazas ofertadas para cada unha das propostas están limitadas e o proceso de admisión dará prioridade ás persoas ligadas ao Campus Terra.
Os membros da comunidade universitaria do Campus Terra, en particular, e da USC nun contexto máis amplo, poden obter máis información respecto desta oferta de formación a través dos números de teléfono 982822854/22860 ou tamén no enderezo de correo electrónico campus.terra [at] usc.es (campus[dot]terra[at]usc[dot]es).