Pasar al contenido principal
  • USC Vida

A comunidade universitaria xa ten aberto o prazo de inscrición na oferta deportiva da USC para o curso 2024/25

O baloncesto é un dos deportes que se practica na USC. FOTO: Santi Alvite
O baloncesto é un dos deportes que se practica na USC. FOTO: Santi Alvite
As persoas externas á Universidade poderán matricularse a partir do 9 de setembro, así como puntualmente en actividades por libre

As persoas integrantes da comunidade universitaria da USC xa poden inscribirse ata o 8 de setembro nas actividades deportivas dirixidas e nas escolas deportivas, que inclúen desde fútbol sala a sendeirismo ou xadrez, voleibol, pilates ou zumba, ata un total de 50 opcións nos campus de Lugo e Santiago. Para as persoas externas á USC a inscrición nestas actividades comeza o 9 de setembro e poderán matricularse nas prazas vacantes. As propostas para este curso, no que o inicio xeral das clases deportivas será o 16 de setembro, inclúen tanto sesións dirixidas como modalidades de práctica libre e tamén competicións en ligas e en campionatos universitarios, e actividades deportivas federadas a través da Sección Deportiva USC.

Para as actividades deportivas por equipos a inscrición dos conxuntos nas ligas de Santiago pode facerse entre o 9 de setembro e o 22 de setembro e para as ligas de Lugo o prazo estará aberto do 9 de setembro ata o 30 de setembro. Tanto en Santiago como en Lugo poderanse engadir integrantes nos equipos entre o 9 de setembro e o 31 de xaneiro.

Finalmente, a inscrición nas actividades libres farase ao longo do curso naquelas nas que cada persoa queira participar. Na web da Área Deportiva da USC pode encontrarse información detallada sobre como rexistrarse e realizar o pagamento para participar nas distintas actividades, así como o calendario establecido para cada unha delas.

Coa programación deportiva do curso 2024/25, a Universidade de Santiago dá continuidade ás propostas desenvolvidas en anos anteriores e ao compromiso de fornecer a comunidade universitaria de opcións de saúde, entretemento e competición accesibles para todo tipo de persoas usuarias. Estas xa poden facer uso das instalacións da USC para a práctica libre, con acceso a espazos como a piscina e o estadio de atletismo, o campo de fútbol, o pavillón polideportivo ou as pistas de tenis.

Proceso de inscrición
O primeiro paso para acceder á maior parte dos servizos é rexistrarse como persoa usuaria da Área Deportiva a través da páxina web. Este rexistro é gratuíto e por unha soa vez, xa que ten carácter indefinido. Distingue dúas tipoloxías de acceso, para integrantes da comunidade universitaria, con preferencia en prazos de inscrición e tarifas reducidas, e persoas externas á USC. As persoas rexistradas poderán efectuar a inscrición en todas as actividades xa abertas así como solicitar o acceso (reservas e entradas) aos espazos do seu interese.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.09.2024.