Pasar al contenido principal

Preto de 200 especialistas exploran na USC os últimos avances e futuras sinerxías en nanociencia e nanotecnoloxía analíticas

A inauguración do congreso presidiuna a vicerreitora Pilar Bermejo. Foto: Santi Alvite
A inauguración do congreso presidiuna a vicerreitora Pilar Bermejo. Foto: Santi Alvite
A vicerreitora de Política Científica Pilar Bermejo salientou na apertura “a excelente reputación” deste congreso internacional que chega xa á súa edición número once.
Santiago de Compostela

O coñecemento arredor da química analítica aplicada á nanociencia e á nanotecnoloxía é o eixo sobre o que se asenta o congreso internacional que o Grupo de elementos traza, espectroscopía e especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais da USC (iMATUS), coa colaboración da Real Sociedade Española de Química (RSEQ), impulsan en Compostela dende este martes 3. A vicerreitora de Política Científica Pilar Bermejo salientou no acto inaugural, que tivo lugar na Facultade de Química, “a excelente reputación” dun foro que chega xa á súa edición número once e que se estenderá ata este venres, 6 de setembro, coa participación de preto de 200 especialistas de quince países. Esta cita científica está recoñecida como un evento EuChemS pola Sociedade Europea de Química.  

Bermejo destacou que un dos alicerces do congreso é a implicación da mocidade investigadora que está a desenvolver as súas respectivas liñas de traballo co apoio de diversas sociedades científicas. En total, o foro abrangue seis sesións temáticas, trece relatorios, preto de medio cento de presentacións e máis dun cento de comunicacións en formato póster.  

Temática e sinerxías

A listaxe de materias que serán obxecto de análise no marco deste encontro internacional abrangue dende os nano(bio)sensores, nanomateriais para a preparación de mostras, nanometroloxía analítica; detección, caracterización e cuantificación de nanomateriais; estratexias analíticas aplicadas que involucran nanomateriais; ata outras aplicacións nanotecnolóxicas e nanosistemas miniaturizados. 

A conferencia ofrece “excelentes oportunidades para a presentación e discusión de resultados, ampliar as nosas redes e explorar conxuntamente direccións de investigación actuais e futuras”, salientou a profesora Bermejo. Xunto á vicerreitora de Política Científica, tamén interviñeron na sesión de apertura a directora do iMATUS, Carmen Álvarez; o decano da Facultade de Química, Jesús Sanmartín e o presidente do Grupo de Ciencia e Tecnoloxía (Bio)Analítica (GCTbA) da RSEQ, José Manuel Costa.

O evento conta coa axuda de diversas sociedades científicas españolas do ámbito da Química Analítica como é o caso da Sociedade Española de Química Analítica (SEQA), Sociedade de Espectroscopía Aplicada (SEA) e a Sociedade Española de Cromatografía e Técnicas Afíns (SECyTA).

 

Neste encontro internacional participarán preto de 200 especialistas. Foto: Santi Alvite
Neste encontro internacional participarán preto de 200 especialistas. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.09.2024.