Pasar al contenido principal

O Premio Nobel de Física Klaus von Klitzing visita Compostela no marco do Programa ConCiencia

Klaus von Klitzing. Foto: Pontifical Academy of Sciences
Klaus von Klitzing. Foto: Pontifical Academy of Sciences
O programa contempla unha conferencia o dçía 12 dirixida ao público en xeral, unha sesión de traballo sobre materiais bidimensionais e diversas xuntanzas con autoridades académicas e civís.

O físico Klaus von Klitzing, Premio Nobel de Física en 1985 e actual director do Instituto Max Planck para a investigación en estado sólido, estará en Compostela a vindeira semana convidado polo programa ConCiencia que dirixe o catedrático da USC, Jorge Mira. O programa da súa visita contempla unha conferencia dirixida ao público en xeral, un encontro cos medios de comunicación, unha sesión de traballo sobre materiais bidimensionais e  xuntanzas con autoridades académicas e civís.

Klaus von Klitzing (Schroda, Polonia, 1943) licenciouse en Física na Universidade de Braunschweig e doutorouse na de Würzburg. Na súa etapa posdoutoral realizou períodos de investigación no Clarendon Laboratory de Oxford (Reino Unido) e no laboratorio de altos campos magnéticos do Instituto Max Planck, no complexo científico de Grenoble (Francia). Foi precisamente neste instituto onde tan só con 37 anos realizou o descubrimento do efecto Hall cuántico que o levou a conseguir o Premio Nobel tan só 5 anos despois, o que dá unha idea da conmoción creada pola súa contribución.

Programa do mércores 11
O profesor von Klitzing comezará a súa visita en Compostela cunha xuntanza ás 10.15 horas no Pazo de Raxoi coa alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín. A continuación, ás 11.00 horas, trasladarase ao Colexio de San Xerome para reunirse co reitor da USC, Antonio López, e asinar no Libro de Honra da institución. O programa do mércores rematará cun encontro cos medios de comunicación en San Xerome ás 11.30 horas.

Programa do xoves 12
A xornada do xoves 12 iniciarase ás 12.00 horas no Instituto de Materiais da USC (Avenida do Mestre Mateo, 25) cunha sesión de traballo sobre materiais bidimensionais na que ademais do Premio Nobel está prevista a participación dos presidentes da Real Sociedad Española de Física e da división de física da materia condensada da European Physical Society así como de persoas destacadas líderes na materia en España.

O acto central da visita de Klaus von Klitzing será ese xoves, ás 19.30 horas no Salón Nobre de Fonseca, cando pronuncie a conferencia ‘A revolución cuántica en metroloxía’ aberta a toda a cidadanía.

Efecto Hall cuántico
O seu traballo sustentouse sobre os adiantos que a física conseguiu na creación de sistemas de transporte eléctrico que se comportan como se existisen só en dúas dimensións no noso mundo tridimensional. Esa posibilidade fora albiscada teoricamente por J. R. Schrieffer en 1957 (Nobel de Física en 1972) e comezouse a conseguir na práctica a principios da década de 1970, na superficie que separa un material metálico dun semicondutor, abrindo as portas a un mundo inexplorado.

Cando unha corrente flúe nunha dirección por un material condutor tridimensional, ao aplicarlle perpendicularmente un campo magnético, os electróns son desviados fóra desa dirección, no coñecido como efecto Hall descuberto en 1879. A desviación aumenta de xeito continuo e proporcional coa intensidade do campo magnético aplicado; pero a mediados da década de 1970 empezouse a sospeitar que iso non sería así en dúas dimensións.

Nese contexto, von Klitzing deseñou en 1978 un experimento que amosaba que algo estraño ocorría; pero mantivo o segredo ata 1980, cando conseguiu confirmar a existencia do chamado ‘efecto Hall cuántico’: a desviación dos electróns xa non é continua co aumento do campo magnético, senón que se detén para certos intervalos de campo magnético, cunha evolución a saltos.

ConCiencia
Dende o ano 2002, máis dunha trintena de premios Nobel aterraron na USC grazas ao programa ConCiencia que a institución compostelá desenvolve de xeito conxunto co Consorcio de Santiago. Este programa de divulgación científica procura non só a proxección da cidade de Compostela como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores e investigadoras da USC.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.09.2024.