Pasar al contenido principal

Investigadoras do Instituto de Ciencias da Educación traballan coa Federación de Familias de Cancro Infantil nun proxecto pioneiro de formación para docentes de alumnado con cancro

Na presentación, foto de grupo coa ministra
Na presentación, foto de grupo coa ministra
O proxecto presentouse recentemente no Ministerio de Educación nunha xornada que xa se pode visionar por completo

O Grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa da USC (TECNOEDUC) do Instituto de Ciencias da Educación leva máis dunha década colaborando coa comisión de educación da Federación Española de Familias de Cancro Infantil (FEPNC) no desenvolvemento de proxectos de investigación, accións de formación e experimentación de recursos educativos e tecnoloxías emerxentes orientados a mellorar a atención educativa do alumnado con cancro.

Nos últimos anos, detectaron a necesidade de proporcionar unha formación específica aos centros educativos, aulas hospitalarias e docentes da atención escolar domiciliaria para a comprensión e o coñecemento da enfermidade, do tratamento e as súas implicacións no proceso educativo do alumnado con cancro.

Diante desa necesidade, desde o curso 2021-22 a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa FEPNC, oferta o Curso de Formación Específica de Formación para docentes de alumnado con cancro, unha iniciativa pioneira e única en todo o Estado na que se achegan ferramentas e recursos educativos con todo tipo de soporte que sirvan ao profesorado para poder traballar co alumnado con cancro e co resto dos compañeiros e compañeiras. Desde entón e nas súas cinco edicións, formáronse máis de 200 docentes de todo o Estado que traballan en aulas hospitalarias, atención domiciliaria ou en escolas ordinarias.

O obxectivo do curso é ofrecer unha formación específica en materia educativa que permita atender o alumnado con cancro de forma axeitada para integralo na aula de referencia favorecendo o seu desenvolvemento en todos os ámbitos e segundo as súas necesidades específicas. O alumnado coñecerá ademáis as características comúns desta enfermidade e como poden afectar o desenvolvemento físico, emocional, psicolóxico e educativo dos nenos e nenas e adolescentes.

O proxecto presentouse recentemente, no marco do mes de sensibilización do cancro infantil, na Subdirección Xeral de Cooperación Territorial e Innovación Educativa do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes nun acto que xa se pode consultar na ligazón https://www.youtube.com/watch?v=zlHuAA28Asg. Participou no acto a directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC, Carmen Fernández-Morante, que dirixe o curso xunto con investigadoras do grupo de Tecnoloxía Educativa da USC.

Na presentación, ante a ministra Pilar Alegría, fíxose un percorrido pola xénese do curso, a metodoloxía pedagóxica, os recursos e ferramentas educativas dispoñibles, os resultados obtidos nas cinco edicións realizadas e a dinámica de colaboración entre o Grupo de Tecnoloxía Educativa do ICE e a Federación Española de Familias de Cáncer Infantil para pór en marcha esta iniciativa. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2024.