Pasar al contenido principal

A pratería e acibechería compostelás centran unhas xornadas organizadas polo grupo de investigación Iacobus da USC e a Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela

As xornadas pretenden ser un primeiro encontro entre a academia e unha arte tan singular. FOTO: Santi Alvite
As xornadas pretenden ser un primeiro encontro entre a academia e unha arte tan singular. FOTO: Santi Alvite
Con inscrición gratuíta, o encontro desenvolverase entre os días 25 e 27 de setembro na Facultade de Filosofía
Santiago de Compostela

O grupo de investigación Iacobus da USC e a Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela organizan conxuntamente as I Xornadas de Pratería e Acibechería compostelás: unha arte milenaria ligada ao Camiño de Santiago, que se desenvolverán entre os días 25 e 27 de setembro no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC. A inscrición pode facerse, de balde, no enderezo xornadasdeprateria [at] gmail.com (xornadasdeprateria[at]gmail[dot]com).

A iniciativa enmárcase dentro dos ‘Monográficos Iacobus’, cursos e seminarios que se veñen desenvolvendo en torno a diferentes temas que tratan a arte e o patrimonio cultural galegos dende múltiples perspectivas, sendo as protagonistas nesta ocasión dúas artes tan relacionadas e imbricadas coa historia da cidade de Compostela dende a súa fundación como a prata e o acibeche. Pola súa banda, Ourives de Compostela vén desenvolvendo nos últimos anos dentro do Plan Estratéxico da Ourivería e Acibechería de Santiago (2019) unha serie de actividades para incentivar e motivar a investigación científica en pratería e acibechería compostelás, en estreita colaboración con especialistas da Universidade.

No ciclo intervirán investigadores e colaboradores do grupo Iacobus como Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral; Diana Dúo Rámila, do Museo de Pontevedra, e os profesores Mª Dolores Barral Rivadulla, David Chao Castro, Sara Carreño López, Miriam Elena Cortés López, José Manuel García Iglesias, Laura Méndez Vergel, Juan Manuel Monterroso Montero e Ana Pérez Varela. 

Ademais das dez conferencias, o programa complétase con outras actividades como visitas guiadas ás coleccións do Museo da Catedral de Santiago, ás exposicións ‘O legado Ángel’ no Colexio de Fonseca e ‘Las Edades del Hombre: Hospitalitas’ en San Martiño Pinario ou unha mesa-debate en colaboración coa Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago titulada ‘Pasado, presente e futuro do sector da artesanía en Santiago de Compostela’ na que intervirán Enrique Fink, de Ourives de Compostela; Elena Fabeiro, de Artesanía de Galicia, e Mónica Cao Pereira, de MOCAO Artesanía. Haberá tamén unha demostración en vivo de técnicas tradicionais na praza de Mazarelos levada a cabo por ourives e acibecheiros da asociación. 

As xornadas pretenden ser un primeiro encontro entre a academia e unha arte tan singular e propia da historia de Compostela, que as persoas organizadoras agardan que se consolide en colaboracións e publicacións futuras para así poder “investigar, coñecer e difundir unha arte milenaria que forma parte da identidade da nosa cidade e está estreitamente ligada co Camiño de Santiago e a cultura xacobea”. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.09.2024.