Pasar al contenido principal

Preséntase no Paraninfo un libro-CD sobre a compositora galega do XIX Eugenia Osterberger

Preséntase no Paraninfo un libro-CD sobre a compositora galega do XIX Eugenia Osterberger
Preséntase no Paraninfo un libro-CD sobre a compositora galega do XIX Eugenia Osterberger

Eugenia Osterberger (Santiago de Compostela 1852, Niza 1932) foi unha das protagonistas da escena musical galega no século XIX, contribuíndo de forma singular á creación dunha música galega académica de raíz popular. Porén, o seu nome segue sendo hoxe descoñecido en Galicia e as súas composicións musicais permanecen soterradas nos arquivos sen que a súa música poida ser escoitada.

Para reverter este feito, Ouvirmos acaba de publicar o libro-CD Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932) que se presentará este mércores 22 ás 20.30 horas nun acto e concerto (piano e soprano) que terá lugar no Paraninfo da Universidade organizado pola USC e o Ateneo de Santiago. A presentación correrá a cargo das súas autoras, a profesora Superior de Música Beatriz López-Suevos, a profesora de Lingua e Literatura Española Rosario Martínez Martínez e a soprano Susana de Lorenzo.

Coa publicación pretende rescatarse a figura e a música de Eugenia Osterberger, máis tarde Mme Saunier, xa que, como os seus contemporáneos homes –que se dedicaban profesionalmente á música-, contribuíu notablemente á consolidación da melodía galega, xénero inherente ao noso acervo musical.

Osterberger participou de forma activa na vida cultural e social da Coruña e Compostela e foi académica correspondente da Real Academia Galega desde a súa fundación. Creou composicións para piano solista así como cancións ou melodías galegas para voz e piano; estas últimas conforman o repertorio do CD que acompaña o libro estruturado en cinco capítulos que revisan a vida e obra completa da compositora xunto notas ao pé, bibliografía e unha guía de escoita do álbum.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.11.2017.