Pasar al contenido principal

Unha xornada gratuíta debate sobre a xestión do monte incendiado tomado como referencia o Monte Pindo

Unha xornada gratuíta debate sobre a xestión do monte incendiado tomado como referencia o Monte Pindo
Unha xornada gratuíta debate sobre a xestión do monte incendiado tomado como referencia o Monte Pindo

O grupo de Ecoloxía do Lume da USC (GEFUSC) organizará a comezos de decembro en Carnota unhas xornadas gratuítas sobre xestión do monte incendiado mediante ferramentas multiescala, con particular atención ao Monte Pindo. A entrada será de balde previa inscrición e ata completar o aforo (para o que será preciso enviar un correo a gefusc [at] gmail.com (gefusc[at]gmail[dot]com) antes do 27 de novembro indicando o colectivo ao que se pertence). Inicialmente esta é unha actividade de interese para xestores forestais, mancomunidades de montes, propietarios de terreos forestais e outras persoas e entidades relacionadas coa xestión do monte.

O primeiro día do encontro, o 1 de decembro, comezará coas conferencias do director xeral de Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto, sobre a xestión de áreas incendiadas e de Jesús Santamarina, da subdirección xeral de Calidade Ambiental, en relación á xestión de especies exóticas invasoras. O profesor de Bioloxía Juan García Duro continuará a quenda de intervencións aludindo á invasión da leguminosa Paraserianthes lophanta no Monte Pindo.

Pola tarde do día 1 está prevista unha visita de campo para observar o estado de recuperación do Monte Pindo. O obxectivo é visitar distintas zonas afectadas nas que se explicará in situ e da man de especialistas aspectos relacionados co uso das ferramentas multiescala, o estado de rexeneración da vexetación nativa e da recuperación dos servizos ecosistémicos e os procesos de invasións biolóxicas sufridas nos últimos anos. Deseguido Elvira Díaz Vizcaíno, da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, falará sobre o comportamento competitivo das especies exóticas invasoras e Otilia Reyes, da Facultade de Bioloxía, sobre o estudos de distintos casos en relación a invasións biolóxicas e lume.

O día 2 de decembro comezará cunha serie de intervencións sobre o réxime de incendios e o seu impacto, a aplicación de imaxes de satélite na avaliación do proceso de rexeneración e restauración ou sobre valores naturais, culturais e de ocio do monte e a súa xestión. A xornada rematará cunha redonda co lema ‘Xestión integrada dos montes para a preservación e uso dos servizos ecosistémicos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.11.2017.