Pasar al contenido principal

Bota a andar a décimo sétima edición de Estalmat-Galicia

A nova promoción iniciou as súas actividades este sábado na Facultade de Matemáticas. Foto: Santi Alvite
A nova promoción iniciou as súas actividades este sábado na Facultade de Matemáticas. Foto: Santi Alvite
O programa de estímulo do talento matemático reúne nesta promoción 25 estudantes

O Proxecto ESTALMAT-Galicia de estímulo do talento matemático iniciou este sábado na Facultade de Matemáticas un novo curso cunha promoción composta por 6 mozas e 19 mozos de entre 12 e 13 anos. A inauguración desenvolveuse na Aula Magna do centro nun acto presidido pola vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo.

Nesta 17ª promoción de 2024 participan 6 alumnas e 19 alumnos, que logo da inauguración partiron a un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Concello de Vilarmaior no que van manipular omnipoliedros, construir cúpulas de Leonardo, intervir nun concurso de fotografía matemática, facer puzles de matemáticas e matemáticos de Galicia, coñecer a experiencia de estudantes que xa pasaron polo programa e gozar dun paseo lóxico-matemático á Torre dos Andrade.

Ademais da vicerreitora, na inauguración do curso participaron a decana da Facultade de Matemáticas e presidenta do Programa, Elena Vázquez Cendón; o director de ESTALMAT e membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, Manuel de León; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo Queijo; a deputada provincial responsable das áreas de Política Social, Educación e Mocidade, Mar García Vidal; e o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro. Asistiu tamén Marga Botana, docente de matemáticas en secundaria no IES Eduardo Pondal de Santiago en representación do profesorado que motiva o alumnado a presentarse ás probas.  

Éxito de participación
As rapazas e rapaces que finalmente conforman a promoción de 2024 tiveron que superar no mes de xuño unhas probas de admisión na que tomaron parte 185 estudantes de 50 localidades diferentes de Galicia. Como nas dúas edicións anteriores, descentralizáronse as probas nas catro provincias, sendo A Coruña a que acadou un ano máis o máximo de participación na Facultade de Matemáticas da USC, cun total de 97 participantes. Na provincia de Pontevedra asistiron 54 mozas e mozos, na de Ourense 21 e en Lugo 13. Do total, cursaban estudos no ensino público 129 e no privado ou concertado 56.

Nos 17 aos desde a implantación, ESTALMAT-Galicia examinou máis de 5000 estudantes con grande interese polas matemáticas e seleccionou 426 estudantes, 137 estalmateiras e 289 estalmateiros.

Extensa programación
Durante o curso, os e as estudantes seguirán un programa de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que desde 1998 vén desenvolvéndose en comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria, Illas Baleares, Asturias e Estremadura. As actividades de primeiro serán todas presenciais e terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados.

Cursarán este ano académico 25 estudantes en primeiro, outros tantos da décimo sexta promoción en segundo e 23 da décimo quinta. Esta promoción terá unha sesión novidosa de manexo da calculadora científica que no seu momento doou CASIO Educación, que se sumou o pasado ano ao patrocinio do programa.

Estalmat-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia, avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España,  está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e de distintos centros de ensino secundario de Galicia, contando con profesorado das tres universidades galegas. Dispón dun financiamento específico da Consellaría de Educación, Ciencia, Formación Profesional e Universidades e da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, e conta con material promocional da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ao patrocinio súmanse as Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e este curso tamén o Concello de Ames.

Desde finais do mes pasado Estalmat-Galicia forma parte do proxecto SUMO Valor da USC, desde o que xa fixeron achegas as empresas DXC Technology desde o seu Centro de Excelencia para iniciativas de Datos e Intelixencia Artificial para España e Portugal, con sede en Santiago e o Centro de Investigación Mestrelab.
 

Orla da 17ª promoción de Estalmat
Orla da 17ª promoción de Estalmat
Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.09.2024.