Pasar al contenido principal

José Luis Mascareñas, nomeado presidente científico dun dos congresos máis prestixiosos no ámbito da Química

Mascareñas será o terceiro español en recibir este recoñecemento internacional. Foto: CiQUS
Mascareñas será o terceiro español en recibir este recoñecemento internacional. Foto: CiQUS
Convértese no terceiro español en recibir este recoñecemento internacional

O catedrático da USC e director científico do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), José Luis Mascareñas, vén de ser elixido presidente científico da 58ª edición da Bürgenstock Conference que terá lugar o próximo maio en Suiza. Este prestixioso congreso internacional é un referente mundial no eido da química orgánica e as súas fronteiras e un punto de encontro para discusións interdisciplinarias ao máximo nivel. O seu nomeamento contribuirá a aumentar a visibilidade internacional do CiQUS e da USC, especialmente no ámbito da Química.

O profesor Mascareñas convértese así no terceiro español en recibir este recoñecemento internacional, co que asume a responsabilidade de realizar a programación científica e seleccionar os relatores. Entre a lista de previos presidentes atópanse ata catro premios Nobel.

A Bürgenstock Conference é unha reunión científica de gran prestixio e singularidade -o seu programa non se revela ata a sesión inaugural- que se celebra desde 1965 e na que as persoas participantes que non son relatoras son tamén seleccionadas entre líderes científicos de todas as idades coa fin de asegurar o nivel de discusión, que se comprometen a asistir toda a semana que dura o evento.

Nos seus inicios, a conferencia centrábase en aspectos relacionados coa estereoquímica, unha disciplina clave para entender os procesos da vida e as propiedades da materia a nivel molecular, pero foi evolucionando ata converterse nun foro multidisciplinar no que se abordan os avances máis innovadores en química sintética e biolóxica, a medicina molecular ou o deseño de materiais. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.09.2024.