Pasar al contenido principal

Marilar Aleixandre: “Escribir en galego vivindo en Galicia é un acto político de resistencia e tamén un acto de amor”

Marilar Aleixandre, no acto de recollida do premio. Foto: Santi Alvite
Marilar Aleixandre, no acto de recollida do premio. Foto: Santi Alvite
A profesora ad Honorem da USC recolleu este xoves o Premio Porteiro Garea

“Aprender, falar, ensinar e escribir en galego era unha forma de resistencia á ditadura franquista que o prohibía e éo agora ás correntes reaccionarias que pretenden dar marcha atrás ao reloxo da historia”. Como un acto político definía este xoves a profesora ad Honorem da USC Marilar Aleixandre o seu compromiso co galego na cerimonia de recollida do VII Premio Luís Porteiro Garea que recoñece o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade.

Madrileña de nacemento, de nai madrileña e pai cordobés, asentouse en Galicia no 1973 “seducida polo país”. “Foi Galicia quen turrou por min traéndome aquí”, explicou. O seu primeiro traballo foi no daquelas Instituto do Calvario de Vigo –hoxe IES Castelao– no que comezou a dar as clases de ciencias naturais en galego. “Para iso empeñeime en aprendelo eu e pescudar os nomes galegos de plantas, animais, rochas, minerais, en xeral a forma de falar da natureza”.

“Setestrelo, liñaceiro, silvas, píntega, abruñeiro, curuxa, pelouros, sabugueiro, muruxas, fiúncho, ameneiro, a fieita cabriña, todas elas -dixo- palabras da lingua galega que van e veñen de boca a boca, que foron así custodiadas durante os tempos máis difíciles” e que tamén así chegaron a ela. “Se despois o vertín (o galego) nas bocas das miñas alumnas e alumnos, nos libros e clases de ciencias, non facía outra cousa que devolver ese tesouro ás xeracións ás que compre o mandato de levalo ao futuro”, manifestou.

“Non hai linguas superiores ou máis fermosas que outras, todas son fermosas, posúen valores estéticos e patrimoniais, merecen ser preservadas, coñecidas e faladas”, engadiu. “Escribir en galego vivindo en Galicia é pois un acto político de resistencia e tamén un acto de amor”.

No acto de recollida do premio en Fonseca tivo ademais palabras de agradecemento para o xurado, “especialmente por seren as ciencias e a cultura científica consideradas aínda no imaxinario social fóra da cultura galega”, á vez que reivindicou un maior compromiso das ciencias en Galicia co galego, “escaso nas facultades de ciencias”.

“Teima coa lingua”
O acto público de entrega do Porteiro Garea á profesora Aleixandre, ao que acudiu como cada ano a súa familia, estivo presidido polo reitor Antonio López e nel participaron ademais a vicedecana da Facultade de Ciencias da Educación, María López Sández, encargada da loa da premiada; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.

No acto, o reitor Antonio López salientou “o compromiso e teima coa lingua e a cultura de Galicia” da premiada e púxoo como exemplo de inserción nunha lingua e nunha cultura coma a galega cando procedía doutra, conseguindo ademais “abrirlle camiño á lingua galega no ámbito das ciencias” desde unha facultade coma Ciencias da Educación, o que supón “garantir para o futuro o uso da lingua galega por profesionais da educación”. Nese sentido, indicou que á hora de falar da docencia en ámbitos científicos entre os retos actuais está o de “abrir as ciencias da saúde ao galego”.

Pola súa banda, na súa loa a profesora López Sández afirmou que Marilar é, “sen dúbida”, a persoa idónea para engadir na galería de persoas premiadas co Porteiro Garea, “porque conxuga de maneira inusual unha forte formación humanística coa das ciencias”. “Se un elemento cohesiona a súa multidisciplinar faceta é a defensa da nosa cultura. O galego e a súa defensa está sempre para ela presente no primeiro plano”. “Cómpre -dixo- pormos en valor a defensa do galego no ensino, unha loita na que ela se erixe como figura pioneira no campo das ciencias experimentais”.

Defensa do galego no ensino das disciplinas científicas
Na concesión unánime do premio a Marilar Aleixandre, o xurado valorou o seu compromiso e a súa defensa da lingua galega no ensino das disciplinas científicas, “do que ela se erixe como símbolo na nosa universidade xa que foi pioneira no ensino das ciencias en galego na Educación Secundaria e na elaboración de materias didácticos dende o ano 1976”. Non en van, foi autora do primeiro libro de didáctica das ciencias para a universidade, Dubidar para aprender, publicado en 1996.

Destacou ademais o xurado o seu exercicio en galego como docente na área de Didáctica das Ciencias Experimentais durante máis de vinte anos “nos que conxugou dun xeito inusual a forte dimensión humanística coa científica”. “Recoñecida e premiada en todas as súas facetas, o seu compromiso co galego cohesiona transversalmente a súa dedicación”, reza o ditame do xurado do Premio, que busca recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade.

O xurado destacou así mesmo o seu perfil de escritora de poesía, narrativa e ensaio, comprometida coa lingua galega e recoñecida con numerosísimos galardóns, entre outros co Premio Nacional de Narrativa, e tamén a súa pertenza como membro de número da Real Academia Galega, así como o seu compromiso e activismo a prol da igualdade e defensa das marxes, como testemuñan as súas publicacións en perspectiva feminista.
 

De esquerda a dereita, María López Sández, Antonio López, Gumersindo Feijoo, e Manuel Núñez Singala. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, María López Sández, Antonio López, Gumersindo Feijoo, e Manuel Núñez Singala. Foto: Santi Alvite
Marilar Aleixandre recibe o premio de mans do reitor. Foto: Santi Alvite
Marilar Aleixandre recibe o premio de mans do reitor. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.09.2024.