Pasar al contenido principal

Youtubeiras renace como Premios Youtubeiras+ ao abrirse ás persoas creadoras de contidos en galego en TikTok

Cartel do certame
Cartel do certame
O prazo para participar esténdese ata o 15 de novembro, ás 23.59 horas
Lugo

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades públicas galegas, de dez concellos e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, xa ten aberto o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema ‘Fachenda ao cadrado’. Unha edición na que os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK. Os galardóns amplían, deste xeito, o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen. O prazo para participar esténdese ata o 15 de novembro, ás 23.59 horas.

Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.

7500 euros en premios

Os Premios Youtubeiras+ repartirán nesta nova edición 7500 euros, que se distribuirán entre as súas sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de Tiktok recibirán 1.250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público levará 1.000 euros. Para este último galardón, o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal. O prazo para facer estas propostas estará aberto tamén até o 15 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos . Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro. 

O xurado dos Premios Youtubeiras+ estará conformado por Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual. 

Baixo o título ‘Fiadeiros dixitais’, impartiranse obradoiros en centros de ensino medio dos concellos organizadores e campus universitarios cos obxectivos de dar a coñecer o que se se está a facer na Rede no noso idioma, mostrar referentes, incentivar a creación de vídeos en galego e fomentar o seu consumo nas novas xeracións. Estes obradoiros serán impartidos por Mario Brión, coñecido pola súa canle Olaxonmario; María Rúa, da canle Pradorua; Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío; Laura Veiga, da canle Pingando, e Carlos Vieito, presentador do podcast de vídeo Exército Mekemeke

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.10.2024.