Pasar al contenido principal

Premian un traballo que analiza como o xénero inflúe na intención de emprender e na elección do modelo empresarial

De esquerda a dereita, Miguel Ángel Vázquez Taín, María Bastida e Alberto Vaquero
De esquerda a dereita, Miguel Ángel Vázquez Taín, María Bastida e Alberto Vaquero
O Centro de Estudos Financieros outorgou o primeiro premio asinado polos docentes María Bastida e Miguel Ángel Vázquez Taín, da USC, e Alberto Vaquero, da UVigo

‘Cando a misión pasa a ser propósito: medidas para un emprendemento sostible e equitativo’ é o título do traballo dos docentes María Bastida e Miguel Ángel Vázquez Taín, da USC, e Alberto Vaquero, do campus de Ourense da Universidade de Vigo,  que foi galardoado co primeiro premio dos Premios Estudios Financieros 2024 que concede esta entidade na categoría de contabilidade e sostibilidade. Os autores e autora do traballo recolleron o seu galardón esta semana na gala de entrega de premios celebrada en Madrid.

O estudo aborda “as diferenzas de xénero no emprendemento, explorando como as motivacións que poida ter cada persoa e as barreiras e facilitadores que perciben poden influír na intención emprendedora” e destaca “o papel crave que xogan os modelos de Economía Social e Solidaria (ESS) na preferencia das mulleres por emprender a través de empresas que promovan un enfoque máis sostible”.

Conclúen na investigación que dado que as diferenzas de xénero inflúen tanto na intención de emprender como na elección de modelos empresariais, “é importante adaptar as políticas de apoio ao emprendemento segundo o xénero”.

Barreiras, facilitadores e preferencias
O traballo galardoado articúlase en dous estudos. O primeiro analiza as diferenzas de xénero no emprendemento en xeral, explorando como homes e mulleres se ven motivados e afectados por barreiras e facilitadores á hora de iniciar un negocio. “Este primeiro estudo revela que as mulleres tenden a estar máis motivadas por factores de atracción, como a flexibilidade e a aliñación dos seus proxectos empresariais coas súas necesidades persoais, mentres que os homes se ven principalmente impulsados pola necesidade económica e a procura de ingresos”, indican. Ademais, o estudo destaca que “barreiras como a burocracia e a falta de apoio financeiro afectan máis ás mulleres, o que pon de relevo a importancia de políticas que aborden estas dificultades”.

O segundo traballo céntrase especificamente na Economía Social e Solidaria, destacando que as mulleres perciben unha maior aliñación cos principios destas organizacións, como a sostibilidade e o benestar social. “Atopamos que as emprendedoras tenden a preferir modelos empresariais que prioricen o valor social, mentres que os homes mostran unha visión máis crítica de como estes modelos se axustan ás súas necesidades empresariais”. Este segundo estudo conclúe que, para fomentar o emprendemento na ESS, “é necesario un enfoque sensible ao xénero que integre medidas tanto para superar as barreiras como para potenciar os recursos persoais, especialmente no caso das mulleres”.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.10.2024.