Pasar al contenido principal

Aberto o prazo para participar nas Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria do Consello do Estudantado

As xornadas buscan capacitar o estudantado na participación activa na vida universitaria. Foto: Santi Alvite
As xornadas buscan capacitar o estudantado na participación activa na vida universitaria. Foto: Santi Alvite
A desenvolver en Santiago e Lugo, buscan capacitar o estudantado na participación activa na vida universitaria

O Consello do estudantado organiza os vindeiros días 17 e 23 de outubro, en Lugo e Santiago, respectivamente, unha nova edición das Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria, unha iniciativa de dinamización estudantil coa fin de capacitar o estudantado no desenvolvemento de funcións de representación dentro da comunidade universitaria así como coñecer mellor a institución universitaria. Quen desexe participar debe inscribirse previamente.

O encontro contempla obradoiros e diversas actividades así como formacións de carácter xeral e outras específicas  a escoller segundo os  intereses do estudantado. Concretamente, haberá accións competenciais sobre trámites burocráticos, metodoloxías participativas e traballo en rede, estratexias de negociación, estratexias para o estudo e recursos da USC, primeiros auxilios, conciliación dos tempos educativos cos tempos sociais e persoais e obradoiros de regueifa, oratoria ou comunicación e redes sociais.

As formacións teóricas abordarán cuestións relacionadas cos dereitos do estudantado, historia do movemento estudantil, infraestruturas e espazos dos campus, regulamento de avaliación e asistencia, vivenda e mundo laboral, métodos de participación universitaria, responsabilidade social e carreira investigadora.

A proposta está deseñada para que chegue ao estudantado de todos os centros universitarios, garantindo cinco pazas por centro, con prioridade para estudantes de 1º e 2º curso. Será o Consello do Estudantado quen sufrague os gastos de transporte Santiago-Lugo e Lugo-Santiago. Ademais, a participación será recoñecida cun crédito ECTS en recoñecemento da formación recibida.

Colaboran co Consello do Estudantado nesta iniciativa o Clube de Debate, ESN, AIC, Erguer, Iuris Galicia e Alumni USC.
 

Cartel da xornada
Cartel da xornada
Programa das áreas temáticas
Programa das áreas temáticas
Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.10.2024.