O Oficina de Igualdade de Xénero convida a reflexionar sobre as violencias machistas nas mulleres maiores
‘As violencias machistas nas mulleres maiores, unha cuestión de dereitos’ é o título da xornada que a Oficina de Igualdade de Xénero da USC desenvolverá os días 16 e 17 de outubro no salón de actos da Facultade Medicina. Para asistir é preciso inscribirse previamente.
A inauguración das xornadas terá lugar o mércores 16 ás 16.00 horas nun acto que presidirá a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, e no que tamén participarán a delegada de Igualdade da USC, Sonia Esperanza Rodríguez Doente, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba Alvedro.
Ao longo dos dous días do encontro, en horario de tarde, terán lugar varios relatorios de persoas expertas, dúas mesas redondas e unha actuación da Compañía de danza Sen vergoña da USC.
Relatorios
O mércores 16 o catedrático de Xeografía Humana da USC, Carlos Ferrás Sexto, presentará o mapa de localización das mulleres maiores de 65 anos vítimas de violencia de xénero por parte da súa parella actual ou pasada, mentres que a profesora asociada da UPNA Rut Iturbide Rodrigo falará dos efectos das interseccións entre sexismo e idadismo.
Os relatorios da sesión do xoves correrán a cargo da profesora da Facultade de Dereito da USC Natalia Pérez Rivas, que presentará un estudo criminolóxico sobre as mulleres maiores de 65 anos vítimas mortais de violencia de xénero, e da traballadora social do Centro de Día para Mulleres da Rede de Atención Integral para a Violencia de Xénero da Comunidade de Madrid, Sonia San Andrés Moreno, que disertará sobre ‘As maiores teñen voz, intervención con mulleres maiores e violencia de xénero’.
Mesas de debate
Na mesa redonda do mércores conversarán sobre as violencias machistas nas mulleres maiores a profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica e especialista en atención sociosanitaria das violencias contra as mulleres maiores, María Josefa Mosteiro García; a psicóloga no programa de atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia
de xénero do Colexio Oficial de Psicoloxía (COP), Mª Concepción Rodríguez Pérez; e a traballadora social do Centro de Saúde de Melide e Arzúa Eva Rivas Pereiro. Modera a mesa a investigadora Carla Romero.
Xa o xoves, o debate centrarase en distintas experiencias sobre idadismo, feminismos e violencias. Moderado pola profesora María Ángeles Catalina Benavente, participarán a educadora do CIM de Ourense Ana Pérez; a traballadora social e sexóloga da Asociación
de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), Laura Robledo Sánchez; a profesora e investigadora da USC e colaboradora en procesos de apoderamento de mulleres no Foro Galego de Migración, Diana Escobar; a activista feminista e LGTBI e integrante do consello de redacción de ANDAINA: Revista Galega de Pensamento Feminista, Nanina Santos; e a fundadora e integrante da directiva de Larlilás, casa de coidados, Eva Mouriño.