Pasar al contenido principal

A exposición sobre José Rodríguez González exhibe desde un metro patrón de 1817 a modelos cristalográficos

A mostra percorre a biografía do matemático de Bermés a través de obxectos clave na súa vida. FOTO: Santi Alvite
A mostra percorre a biografía do matemático de Bermés a través de obxectos clave na súa vida. FOTO: Santi Alvite
A mostra sobre o matemático, primeiro científico galego en alcanzar unha dimensión internacional cos seus traballos, inaugúrase este luns na Igrexa da Universidade

Un metro patrón de latón de 1817, subdividido en milímetros, traído por José Rodríguez González desde París e que se garda na facultade de Física da USC é un dos obxectos máis emblemáticos da exposición na homenaxe ao matemático ao matemático de Bermés que se inaugura este luns ás 19.00 horas na Igrexa da Universidade. Nela tamén se poderá ver un círculo de Borda cedido polo Observatorio Astronómico Nacional, empregado para medir o arco do meridiano entre Dunkerque e Barcelona, operación na que participou Rodríguez e que permitiu asignar unha lonxitude ao metro.

A mostra chega coincide co 200 aniversario do pasamento de José Rodríguez (Bermés, Lalín, 1770 – Santiago de Compostela, 1824), polo que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu este matemático como Científico Galego de 2024. Coa finalidade de divulgar a súa figura estanse a realizar unha serie de actividades ao longo deste ano, pois José Rodríguez foi o primeiro científico galego en alcanzar unha dimensión internacional. Ademais de matemático, interesouse pola xeodesia, a astronomía, a cristalografía e a mineraloxía.

Nesta exposición, que recolle tanto o seu papel en diversos ámbitos da ciencia como o seu perfil de político liberal, inquieto e modernizador, pódese albiscar a súa enorme relevancia a través de documentos orixinais. Como bens materiais, Rodríguez deixou libros, mapas, algúns instrumentos científicos e coleccións de mineraloxía que se expoñen nesta mostra, enviados na súa maioría polo matemático á Universidade de Santiago por consideralos fundamentais para “o ensino público”. Así mesmo, pode admirarse o teodolito que Domingo Fontán empregou para realizar a Carta Xeométrica de Galicia e que na actualidade se atopa na facultade de Xeografía e Historia da USC.

O abade René Haüy, considerado o fundador da cristalografía, regaloulle unha colección de 1024 modelos cristalográficos feitos en madeira de pereira, que se conserva no Museo de Historia Natural da USC, unha selección da cal se exhibe nesta exposición. Hai tamén unha maqueta do Observatorio Astronómico Nacional (Madrid) e o Colexio Pío XII de Santiago colabora cedendo o seu planetario.

Exhíbense así mesmo dous vídeos, un sobre a súa vida e traxectoria e outro de carácter pedagóxico -elaborado polo Consello da Cultura Galega- sobre a medición do meridiano que fixo posible establecer o metro como unidade de medida. O Concello de Lalín realizou un folleto ilustrado e un podcast sobre a vida do científico, recursos accesibles tamén nesta mostra. A exposición péchase cunha biografía do homenaxeado, realizada polo astrónomo Ramón María Aller, o seu primeiro biógrafo.


Inauguración
O reitor Antonio López preside este luns 7 de outubro a partir das 19.00 horas na Igrexa da Universidade a inauguración da exposición ‘José Rodríguez. O matemático de Bermés’, que se poderá ver neste lugar ata o 12 de novembro antes de iniciar un percorrido por outros puntos da xeografía galega e española, entre eles o Concello de Lalín ou a Casa de Galicia en Madrid.

Á inauguración asisten tamén o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; a decana da Facultade de Matemáticas da USC Elena Vázquez Cendón, en representación do Consello da Cultura Galega; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Lema; o presidente do Consello Económico e Social, Manuel Pérez; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o historiador de Lalín Daniel González, entre outros representantes de diversas institucións políticas, educativas e culturais galegas.
 

Cartel da exposición
Cartel da exposición
Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.10.2024.