Pasar al contenido principal

A rede galego-portuguesa Gallaecia PET avanza en Santiago os primeiros resultados en tecnoloxía de imaxe médica e novos radiofármacos diagnósticos e terapéuticos

De esquerda a dereita, José Luis Labandeira, Antonio López, Antonio Gómez Caamaño e Mª Luz Couce. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, José Luis Labandeira, Antonio López, Antonio Gómez Caamaño e Mª Luz Couce. Foto: Santi Alvite
Un escáner de alta resolución para PET cerebral, avances en diagnose precoz e tratamento de tumores cerebrais e en enfermidades inflamatorias ou colaboración directa para terapias CAR-T e produción de novos radiofármacos, entre outros

Hai pouco máis dun ano nacía a rede Gallaecia-PET, unha colaboración público-privada entre Galicia e Portugal encargada de coordinar e aumentar significativamente as diferentes capacidades de ambas rexións en tecnoloxía de imaxe médica PET (tomografía de emisión de positróns), dende a investigación preclínica e o desenvolvemento de radiofármacos ata o seu uso clínico. Cinco entidades portuguesas e seis galegas reúnense esta semana en Compostela para facer balance e expoñer os seus primeiros resultados.

O desenvolvemento dun escáner de alta resolución para PET cerebral, avances en diagnóstico precoz e tratamento de tumores cerebrais, un proxecto de imaxe de inmuno-PET con anticorpos en enfermidades inflamatorias, o desenvolvemento de terapias CAR-T a través do Centro de Terapias Avanzadas de Galicia e a produción de novos radiofármacos dende o Centro de Produción de Radiofármacos PET son algúns dos logros acadados ata o momento.

Os resultados explicáronse nunha xornada que inauguraron o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o director adxunto do CiMUS da USC, José Luis Labandeira, e a directora do IDIS, Mª Luz Couce, e á que asistiu un importante número de científicos e científicas de Galicia e Portugal.

Todas e todos eles profundaron nos avances realizados no uso de nanopartículas para imaxe PET e as novas estratexias baseadas en anticorpos monoclonais como radiofármacos para diagnóstico e terapia. Explicáronse ademais os logros acadados no campo do desenvolvemento tecnolóxico, tanto de novos equipos de imaxe de alta resolución como técnicas de IA aplicadas á análise de imaxe PET. No mesmo encontro, falouse ademais dos desafíos que os hospitais afrontan neste ámbito, principalmente relacionados co subministro de radiofármacos cara a rexións periféricas e outras cuestións regulatorias que afectan de forma diferente os dous lados da fronteira.

Radioterapia de precisión
A PET é unha técnica diagnóstica non invasiva de medicina nuclear que permite tomar imaxes do organismo dos pacientes. Trátase dunha proba que utiliza pequenas cantidades de substancias radioactivas denominadas radiosondas ou radiofármacos, unha cámara especial e un equipo informático para avaliar as funcións de tecidos e órganos. Mediante a identificación de cambios a nivel celular, a PET pode detectar as manifestacións temperás de enfermidades como o cancro antes que outros exames por imaxes. É, por tanto, dunha técnica de grande utilidade en diagnose e seguimento das enfermidades tumorais, que pode empregarse de maneira combinada con outras probas de imaxe, como o TAC, e achegar unha información máis exhaustiva e precisa da zona de estudo.

Socios de primeiro nivel
En Gallaecia-PET, que agarda recibir financiamento de fondos de desenvolvemento INterreg POCTEP, está formada por empresas e centros de investigación da eErorregion como o Centro de Investigacións en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS) da USC, ATI Sistemas SA, a Universidade de Aveiro (UA), a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), Galaria Empresa Pública de Servizos Sanitarios de la Consellería de Sanidade, o Instituto de Ciencias Nucleares Aplicadas á Saúde (ICNAS-Pharma), o Instituto Politécnico de Coimbra (IPC), o Laboratorio de Instrumentaçión e Física Experimental de Partículas (LIP), Qubiotech Health Intelligence SA, Radiation Imaging Technologies Lda. (RI-TE) e a Universidade de Vigo (UVigo).
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.10.2024.