Pasar al contenido principal

Novos investigadores da USC presentan as súas pescudas este xoves no auditorio da Casa do Saber no evento DivulgaTerra

Cartaz de DivulgaTerra
Cartaz de DivulgaTerra
Carme Silva abrirá ás 18.00 horas a segunda edición dun evento de divulgación científica que rematará co espectáculo ‘Tecnomaxia’, a cargo do Mago Richard

A segunda edición de DivulgaTerra, o evento de divulgación do traballo desenvolvido polos novos investigadores e investigadoras do Campus Terra da USC, e de promoción do uso do galego como lingua da comunicación e da divulgación científica, bota a andar este xoves, a partir das 18.00 horas, no auditorio da Casa do Saber do Campus Terra da USC. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, será a encargada de inaugurar este foro de divulgación científica.

A segunda edición de DivulgaTerra, un evento organizado polo servizo de Normalización Lingüística da USC no Campus Terra, acollerá novamente presentacións de dez minutos de duración nas que, en galego e cun ton divulgativo, os investigadores e investigadoras expoñen o traballo que están levando a cabo. Tamén vai ser posible participar a través de pósters, que figurarán expostos nun espazo anexo a aquel en que se desenvolven as presentacións, mentres estas teñan lugar. A entrada é aberta e de balde para todo o público interesado.

O acto comezará coa intervención do catedrático da USC e profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Antonio Rigueiro Rodríguez , que ofrecerá o relatorio ‘Herbas boas contra malas herbas’ . De seguido, Adrián Casanova Chiclana, da Facultade de Veterinaria, falará das ferramentas moleculares para a identificación de híbridos; e Carlos Núñez Temes, da EPSE, abordará, en dúas intervencións separadas, o uso das cinzas das centrais térmicas, así como os Innobiorresiduos.

A xornada tamén contará co relatorio ‘Resistencia a colistina en cepas de Escherichia coli de orixe porcina’, a cargo de Isidro García Meniño, da Facultade de Veterinaria. Fernanda Machado Ferreira, da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, analizará as ‘Unidades de conservação de uso sustentável no Brasil’; mentres que Ruth Rodríguez Bermúdez, da Facultade de Veterinaria, pronunciará o relatorio ‘Razas de vacún de leite. Son eficientes a nivel reprodutivo en ecolóxico?’.

Marcos Gerardo Calles Lombao, da Facultade de Humanidades, intervirá neste foro coa charla ‘A evolución da Fachada Principal da Catedral de Lugo: de Julián Sánchez Bort a Nemesio Cobreros’; Susana Remesar Alonso, da Facultade de Veterinaria, presentará o relatorio ‘Dinámica poboacional das carrachas recollidas na vexetación en Galicia’, co que se pechará a quenda de intervencións. O acto finalizará coa atuación ‘Tecnomaxia’ a cargo do Mago Richard.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.11.2017.