Pasar al contenido principal

CO(M)XÉNERO convida a reflexionar sobre o rol das mulleres nos oficios do cinema

Profundarase no rol esencial das mulleres nos oficios do cinema
Profundarase no rol esencial das mulleres nos oficios do cinema
Quen desexe participar no seminario, a desenvolver os días 6 e 7 de novembro en Ciencias da Comunicación organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, dispón ata o día 4 para inscribirse.

Os días 6 e 7 de novembro chega unha nova edición do CO(M)XÉNERO Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da USC, que nesta ocasión profundará no rol esencial das mulleres nos oficios do cinema “que en ocasións son considerados á marxe, na súa constitución como figuras versátiles e polifacéticas e no mantemento do seu empeño creativo dende todas as posicións”, explican dende o Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA).

O seminario, a desenvolver no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación. dará comezo o mércores 6 coa intervención de Xaime Varela Sieiro, investigador e profesor do IES Arcebispo Xelmirez II de Santiago de Compostela, quen recupera a figura da sonidista Cruz Risco, creadora da peza ‘Por que marchamos’ (1979). A continuación intervirá Carme Rodríguez, compositora e orquestradora galega, que esclarecerá dende a súa propia experiencia o oficio da composición na industria audiovisual.

Ana Viñuela, profesora e investigadora da Université Paris 3 Sorbonne Nouvelle, iniciará a xornada do 7 de novembro abordando o mundo da coprodución a través do modelo francés e o caso d’O que arde (2019), froito do traballo conxunto entre Galicia, Francia e Luxemburgo. Por último, o seminario contará coa participación de Pilar Monsell, directora, montadora, guionista e investigadora na Universitat Pompeu Fabra (UPF) de Barcelona, quen abordará os seus procesos creativos integrais no cinema de non ficción.

Quen desexe participar no seminario ‘Na letra pequena. As mulleres nos oficios do cinema’ dispón ata o día 4 para inscribirse a través deste formulario. A actividade está aberta ao público en xeral mais con preferencia a profesionais e persoal investigador no eido das ciencias da comunicación, estudantado do Programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporáneas e estudantado dos graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.10.2024.