Pasar al contenido principal

Dúas clasificacións internacionais destacan o rendemento investigador da USC

Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Times Higher Education e a universidade holandesa de Leiden poñen o foco, respectivamente, na calidade da actividade investigadora, así como nas sinerxías que a USC tece nas súas publicacións
Lugo, Santiago de Compostela

A USC mantén a tendencia dos últimos anos nos rankings elaborados por Times Higher Education (THE) e pola universidade holandesa de Leiden. Deste xeito, a Universidade de Santiago de Compostela ocupa o chanzo 601-800 na clasificación elaborada por THE, dun total de 2.857 institucións avaliadas; mentres que na listaxe de Leiden, a USC sitúase nos postos 598 en impacto, 554 en colaboración e 554 en acceso aberto, sobre un total de 1.506 universidades.

Times Higher Education 

A calidade da investigación realizada, a proxección internacional e a habilidade da institución para captar investimentos procedentes do tecido industrial e para obter patentes son os ámbitos máis destacados da USC, por parte de Times Higher Education. En total, a clasificación abordou 115 países e territorios de todo o mundo. 

No contexto estatal, a USC ocupa o posto trece dun total de 59 institucións españolas. A listaxe está elaborada en base a dezaoito indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia (29,5% da valoración final), contorna investigadora (29%), calidade da investigación (30%), industria (4%) e proxección internacional (7,5%). 

Leiden

O ránking elaborado por Leiden recolle o número de publicacións de cada universidade, e con eses datos elabora tres métricas con subdivisións: impacto (porcentaxe das publicacións que están entre as 50 %, 10%, 5% ou 1% máis citadas), colaboración (porcentaxe de publicacións nas que interveñen outras entidades, industrias, ou publicacións internacionais); e acceso aberto (porcentaxe de publicacións que viron a luz en distintos tipos de open access). O período analizado esténdese dende 2019 ata 2022. 

A nivel español, a USC ocupa o posto trece nas tres métricas dun total de 47 universidades avaliadas. En concreto, a clasificación recolle un total de 3.317 publicacións da USC, das que un 9.8 % (é dicir, 327) atópanse entre o 10% das máis citadas e que polo tanto acadaron un maior impacto. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.10.2024.