O terceiro evento deste programa organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da EPSE xunta a dous especialistas da propia Escola (Roberto Iglesias Rodríguez e Juan Antonio Corrales Ramón) para falar das oportunidades e os riscos que se derivan do desenvolvemento da intelixencia artificial.
A intelixencia artificial é unha tecnoloxía presente hoxe en día en múltiples aspectos das nosas vidas. Estamos afeitos a usala nos nosos móbiles e ordenadores, cada vez máis nos nosos coches, a interactuar con ela nos servizos de atención á clientela... e permite desde crear de robots que cada vez están máis preto das persoas ata usos industriais que van revolucionar a forma en que producimos obxectos.
Estes impresionantes avances permítennos vivir hoxe como cotiás situacións que non hai moito tempo considerariamos propias dun filme de ciencia ficción, pero tamén nos enfrontan a preguntas desacougantes: como conxugar a posibilidade de interactuar con robots con conservar aspectos básicos da nosa privacidade? Os nosos datos están realmente seguros? Como vai afectar toda esta automatización ao emprego? Non estarán os algoritmos a ampliar os nosos prexuízos?g
Para responder a estas e outras preguntas que seguro han xurdir, desta vez xuntamos na mesa talento local. Coa moderación de Xosé Ramón Fernández Vidal, convidamos a dous docentes no Grao de Robótica desta mesma Escola e especialistas na materia:
• Roberto Iglesias Rodríguez, Coordinador do Grao de Robótica no Campus de Lugo, Departamento de Electrónica e Computación, USC
• Juan Antonio Corrales Ramón, Profesor do Grao de Robótica no Campus de Lugo, Departamentode Electrónica e Computación, USC
A partir das 19 horas do mércores 16 de outubro, agardámosvos na Cafetaría da EPS de Enxeñaría para falar deste apaixonante escenario.