Pasar al contenido principal

A catalogación e a recuperación da memoria dos pans de Galicia centran as liñas de traballo da Cátedra do Pan e do Cereal da USC

Ángeles Romero e Manuel Dacunha, con membros do primeiro panel profesional de cata de pan, no Campus Terra da USC
Ángeles Romero e Manuel Dacunha, con membros do primeiro panel profesional de cata de pan, no Campus Terra da USC
A primeira cátedra do Campus Terra, á que se están a sumar investigadores de diversos ámbitos, celebrará o 4 de xullo o seu primeiro aniversario cun foro aberto en Lugo

A Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra, unha iniciativa que botou a andar o pasado verán a iniciativa do grupo Panadería Dacunha e a USC, mantén activas diversas liñas de investigación encamiñadas á elaboración dun catálogo ou clasificación das diferentes variedades de pan de Galicia, así como á recuperación dos cultivos autóctonos e da súa memoria a través do estudo e dos procesos tradicionais empregados para a elaboración deste produto alimenticio.

A directora da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC, a catedrática Ángeles Romero, cualificou de “moi ilusionante” o traballo xa desenvolvido pola primeira cátedra institucional do Campus Terra da USC durante o seu primeiro ano de vida, unha efeméride que lembrarán o vindeiro 4 de xullo no auditorio da Casa do Saber cun foro aberto de debate e divulgación, no que distintos relatores, pertencentes a diversos ámbitos sociais e profesionais, afondarán sobre as distintas inquedanzas e problemáticas ás que busca dar respostas esta cátedra universitaria de marcado carácter multidisciplinar.

A selección de compoñentes e a súa conseguinte formación para posta en marcha do primeiro panel profesional de cata de pan foi unha das primeiras accións desenvolvidas pola Cátedra do Pan e do Cereal da USC, segundo lembrou Romero, para logo engadir que, despois de distintas sesións de traballo, este panel de catadores xa ten completada a primeira ficha de cata de pan, un proceso ou documento que agroma, mide a avalía diferentes parámetros e que resultará de máxima utilidade para proceder á caracterización organoléptica de todos os pans de Galicia, unha laboriosa tarefa na que este panel profesional de comezará a traballar despois do verán.

A catedrática da USC e directora da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra, Ángeles Romero, salientou tamén a progresiva incorporación de investigadores á cátedra, á que xa formalizaron a súa adhesión os tamén profesores e investigadores da USC Santiago Pereira Lorenzo e Benigno Ruiz. A estes dous nomes cómpre sumar tamén os doutros tres novos investigadores, tales como o son o enxeñeiro agrónomo Fernando Almedia, o graduado en Nutrición Humana e Dietética Ricardo Estévez e o estudante de grao en Nutrición Humana e Dietética na Facultade de Ciencias de Lugo Jesús Fernández.

Estes tres novos investigadores formados no Campus Terra da USC están a desenvolver diversas liñas de traballo relacionadas co estudo das variedades autóctonas de cereal (trigo), a recuperación da memoria do pan en Galicia e dos diferentes procesos de elaboración e procesado e tamén sobre a opinión da poboación de Galicia sobre o consumo de pan e doutros alimentos.

Fernando Almeida, Ricardo Estévez e Jesús Fernández serán precisamente tres dos relatores que participarán o 4 de xullo no foro ‘¿Cáles son as respostas ás cuestións propostas desde a Cátedra do Pan e do Ceral’, unha xornada organizada por Ángeles Romero e Santiago Pereira, que se desenvolverá a partir das 16.00 horas na Casa do Saber de Lugo e que contará coa presenza do presidente do grupo Dacunha e promotor desta cátedra, Manuel Dacunha Pereira.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2017.