Pasar al contenido principal

Unha vintena de centros de Ensino Medio lucenses coñecen de primeira man a oferta do programa A Ponte para o curso 2024-25

Francisco Fraga e Maite Flores xunto aos representantes dos centros de Ensino Medio
Francisco Fraga e Maite Flores xunto aos representantes dos centros de Ensino Medio
A delegada do reitor para o Ensino Medio, Maite Flores, foi a encargada de conducir unha reunión na que os protagonistas foron os centros de estudantado preuniversitario xa que, tal e como subliñou a profesora Flores, “isto non ten senso sen vós”
Lugo

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, deu a benvida este luns 14 á vintena de participantes, entre persoal directivo e orientador, procedentes dos centros de Ensino Medio da capital lucense e a súa contorna, no marco dunha xuntanza organizada polo Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC. O obxectivo da reunión que se desenvolveu no Edificio Cactus do Campus de Lugo foi dar conta das actividades previstas por parte de A Ponte para este curso, así como facer balance da actividade realizada no pasado ano académico. 

A delegada do reitor para o Ensino Medio, Maite Flores, foi a encargada de conducir unha reunión na que os protagonistas foron os centros de estudantado preuniversitario xa que, tal e como subliñou a profesora Flores, “isto non ten senso sen vós”. “Queremos que nos contedes, se o que facemos está chegando ao voso estudantado”, afirmou a delegada do reitor. Na reunión tamén estiveron presentes a coordinadora de A Ponte no Campus de Lugo, Guadalupe Vila, e o adxunto para o Campus de Lugo, Antonio Álvarez. 

A Ponte

O Programa A Ponte, que leva en funcionamento dunha forma estruturada dende o ano académico 2003-2004, oferta este curso un total de 169 charlas temáticas (15 máis que o pasado ano) nas que o profesorado da USC lle achega a súa investigación aos estudantes do último curso da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior. Na edición do pasado ano a estas charlas asistiron 21.000 estudantes.

A Ponte inclúe entre as súas actividades as ‘Visitas da USC aos Centros de Ensino Medio de Galicia’ para achegar a Universidade ao estudantado preuniversitario mediante charlas informativas que levan a cabo un equipo de colaboradores do Programa. Cando é posible, nestas presentacións participan antigos estudantes do centro. Doutra banda, cos ‘Encontros virtuais na Zona USC’, a Universidade compostelá abre as súas portas virtualmente a todas as persoas interesadas en obter información sobre os seus títulos. Para iso, tanto profesorado como estudantado dan resposta ás preguntas recibidas por videoconferencia. A maiores, nunha experiencia pioneira, a USC organiza as xornadas de portas abertas ‘Coñece a USC’ para que cada futuro ou futura estudante poida achegarse aos centros universitarios e coñecer de primeira man as titulacións nas que ten interese. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.10.2024.