EUniWell inclúe o curso sobre robótica social que ofrece a USC no seu novo catálogo de oferta formativa
A Universidade de Santiago de Compostela, que participa activamente na oferta formativa da Universidade Europea do Benestar EUniWell, coordina un dos dous cursos piloto que marcan o inicio do seu novo catálogo. As persoas interesadas en ampliar os seus coñecementos sobre robótica social e a interacción humano-robot poden inscribirse ata o domingo 27 de outubro no curso ‘Social Robotics’, que será recoñecido con 2 créditos ECTS.
A oferta educativa de EUniWell permite a calquera integrante da comunidade universitaria beneficiarse da experiencia de 11 universidades de toda Europa, proporcionando a oportunidade de personalizar e internacionalizar a súa traxectoria profesional ou académica.
O catálogo de cursos e formación de EUniWell inclúe ofertas de institucións asociadas e propostas creadas en conxunto dentro desta alianza de universidades europeas. As actividades pódense ofrecer en diferentes formatos: en liña, híbrido ou presencialmente con formatos intensivos de curta duración.