Pasar al contenido principal

ECAI 2024 converterá Santiago na capital da elite mundial da Intelixencia Artificial

O CiTIUS da USC é o organizador do evento, que se desenvolverá en varias localizacións da cidade. Foto: Santi Alvite
O CiTIUS da USC é o organizador do evento, que se desenvolverá en varias localizacións da cidade. Foto: Santi Alvite
A elite da investigación neste campo abordará entre o 19 e o 24 de outubro os últimos avances así como os principais desafíos éticos sobre a súa regulación e o impacto económico que terá no mundo

A European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024), que se desenvolverá do 19 ao 24 de outubro en Santiago de Compostela, reunirá máis de 1.600 congresistas que representan a elite mundial en investigación da Intelixencia Artificial para abordar os últimos avances no campo, así como os desafíos fundamentais que deberá afrontar a IA nos próximos anos desde ámbitos como a regulación, o compromiso ético, o impacto económico ou as achegas para resolver os principais problemas da humanidade.

O evento, auspiciado pola Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI), a Sociedade Española de Intelixencia Artificial (AEPIA) e organizado polo CiTIUS da USC (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes), inclúe un amplo programa coa presentación dos últimos resultados científicos, conferencias, paneis de debate, obradoiros e demostracións para pór en valor a achega da IA ao desenvolvemento da sociedade.

ECAI 2024, que ten o lema ‘Celebrando o pasado. Inspirando o futuro’, supón a conmemoración do 50 aniversario da primeira conferencia europea sobre IA celebrada en Brighton en 1974. "Trátase de recoñecer un esforzo de décadas de investigación en Intelixencia Artificial ao que Europa contribuíu de forma moi importante, e sobre todo a través do público, algo que foi indispensable para chegar a onde estamos agora, cun impacto crecente que xa afecta todas as ordes da nosa vida persoal e profesional", segundo explicou Senén Barro, director do CiTIUS e presidente do comité organizador.

Verificación de feitos
Tras a inauguración oficial, que estará presidida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a profesora da Universidade Técnica de Darmstadt (Alemaña) Iryna Gurevych pronunciará unha conferencia sobre a verificación de feitos no mundo real con modelos lingüísticos de gran tamaño. Nela exporá os avances para "desmantelar as narrativas enganosas baseadas en interpretacións falaces de publicacións científicas". Ademais, demostrará como se poden "utilizar modelos lingüísticos multimodais de gran tamaño para detectar información errónea baseada no contido visual".

Pola súa banda, a investigadora do Instituto Real de Tecnoloxía KTH (Suecia) Iolanda Leite presentará unha investigación sobre como os sistemas robóticos intelixentes aprenden con precisión as intencións humanas, informados polo coñecemento humano, e como abordan o desafío de depender excesivamente da retroalimentación humana.

Baixo o persuasivo título de ‘Os robots (aínda) necesitan ós humanos no circuíto’, Leite defenderá que unha comprensión máis profunda de como estes sistemas perciben, razoan e actúan dentro do seu contexto social pode fomentar interaccións entre humanos e robots máis naturais e eficientes.

Na sección de Fronteiras en IA, María Vanina Martínez, do Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial IIIA-CSIC, presentará a súa proposta de investigación, titulada ‘Regreso ao futuro: razoamento simbólico para combater o mal uso das redes sociais’.

Impacto económico 
Por outra banda, ECAI 2024 prestará especial atención ao impacto económico da IA e as súas ameazas e oportunidades, a través de múltiples formatos. Nun dos paneis, o director do EU Government Affairs de Microsoft Corporation, Jeremy Rollison; o catedrático do Departamento de Economía do MIT, David H. Autor, e a investigadora do Real Instituto Elcano Raquel Jorge abordarán o "impacto actual e esperado da IA na economía global, ata onde se pode predicir, algo cuxas estimacións cambian case a diario pola evolución acelerada da IA". 

O debate centrarase en analizar como a IA está reconfigurando diferentes sectores de actividade, examinando as previsións de crecemento económico, as tecnoloxías implicadas, as diferenzas entre países e rexións e o papel dos estados e a industria. Afondarase tamén no terreo das certezas e dúbidas sobre a posible aparición dunha economía baseada na IA, en particular o desemprego tecnolóxico e a deslocalización de postos de traballo, así como a concentración de riqueza e poder nunhas poucas empresas e países.

Pola súa parte, o investigador César A. Hidalgo (Escola de Economía de Toulouse e Universidade Corvinus de Budapest) defenderá o relatorio ‘Complexidade económica: uso da aprendizaxe automática para comprender o pasado, o presente e o futuro do desenvolvemento económico’ no que reflexionará sobre as novas investigacións sobre a historia económica e o comercio dixital mediante o uso de tecnoloxías intelixentes.

En paralelo, a sección Birds of a Feather ('Paxaros do mesmo plumaxe'), que busca a interacción de investigadores de diferentes áreas de interese, suscitando así un enfoque multidisciplinar, abordará o ‘Capital risco baseado en datos: estratexias e ferramentas para mellorar os procesos de investimento’. O debate centrarase nas ferramentas e metodoloxías empregadas para mellorar os procesos de fluxo de operacións, a cualificación de investidores e empresas, e a xestión de carteiras.

Outra proposta desta sección está enfocada en ‘Aproveitar a IA para fomentar o desenvolvemento de alto nivel nos mercados emerxentes’, un proxecto que explora o potencial transformador da IA para superar as barreiras tradicionais e acelerar o crecemento e o desenvolvemento económicos, tendo en conta factores como as implicacións éticas, os impactos culturais, a viabilidade económica, os requisitos tecnolóxicos e as consideracións regulatorias.

Regulación da IA
Por outra parte, ECAI 2024 inclúe un panel sobre ‘Regulación da IA: o escenario europeo’ para analizar e debater a estratexia europea para a regulación e como abordar a necesaria supervisión dos sistemas baseados en IA, en particular aqueles que poden comportar un maior risco.

Coa participación entre outros de Kilian Gross, xefe da Unidade de Coordinación e Desenvolvemento de Políticas sobre Intelixencia Artificial da Unión Europea (DG CNCT - UE), tratará de explorar en detalle a estratexia europea para a regulación da IA, con especial énfase na recentemente aprobada AI Act -o Regulamento Europeo de IA-, e o modelo de supervisión que a UE está impulsando, comparándoos cos marcos regulatorios adoptados noutras partes do mundo.

Tamén se abordará o deseño de políticas de investigación en IA éticas e fiables para Horizonte Europa, que busca arroxar luz sobre os esforzos da UE por estimular un modelo de investigación e desenvolvemento de IA centrada no ser humano, e confiable desde todos os puntos de vista.

Historia e futuro
A Conferencia de Santiago de Compostela tamén permitirá realizar unha retrospectiva sobre os 50 anos de historia da IA en Europa, coa participación de Luc Steels e Stefano Cerri, pioneiros da investigación en IA en Europa, ademais de render unha homenaxe a destacados membros da investigación europea en Intelixencia Artificial ao longo das últimas décadas.

Os "próximos 50 anos de IA" serán ademais obxecto de reflexión en ECAI 2024, en particular a través dun panel especial no que se debaterá sobre o actual camiño que segue a investigación no eido, o seu posible futuro e os principais desafíos aos que terá que facer fronte.

ECAI 2024 inclúe así mesmo entre as súas actividades 44 demostracións de proxectos innovadores desde o 21 ao 23 de outubro no Pazo de Congresos de Santiago, sede da Conferencia. Así, presentaranse desde un sistema capaz de mostrar emocións para mellorar a empatía, robots que poden tomar decisións críticas en tempo real ou como defenderse de sistemas de IA deseñados para manipular o comportamento humano.

Esta será a segunda ocasión na que se celebre a Conferencia Europea de Intelixencia Artificial en Santiago de Compostela, despois da realizada no ano 2020 en plena pandemia de COVID que finalmente tivo que ser reconvertida en tempo récord á modalidade virtual, erixíndose como un evento plenamente dixital pioneiro no mundo. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.10.2024.