Pasar al contenido principal

Abre o prazo para enviar fotografías a unha nova edición do certame de divulgación 'A ciencia en imaxe’

Fotografía 'Convexidade lumínica' de Laura Rey, estudante de Medicina, gañadora do primeiro premio de 2023
Fotografía 'Convexidade lumínica' de Laura Rey, estudante de Medicina, gañadora do primeiro premio de 2023
Neste concurso, que conmemora a festividade do patrón das facultades de Ciencias, acéptanse instantáneas sobre conceptos fundamentais, tecnolóxicos ou de I+D

Acaba de abrir o prazo para participar no XI Concurso ‘A Ciencia en Imaxe’, organizado polas facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da USC xunto coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), con motivo da celebración do patrón destes centros, Santo Alberte Magno. Para concursar é necesario enviar a quimica.acienciaenimaxe [at] usc.gal (quimica[dot]acienciaenimaxe[at]usc[dot]gal) o formulario de inscrición xunto cunha fotografía realizada individualmente sobre calquera cuestión relacionada coas ciencias, como conceptos fundamentais, fenomenoloxía, aplicacións tecnolóxicas ou temas de investigación, entre outros. No asunto será preciso indicar ‘A Ciencia en Imaxe’.

As imaxes, que deben ser inéditas, poden enviarse ata o 10 de novembro e haberá un primeiro premio de 200 euros e un segundo premio de 100 euros. Cada fotografía irá acompañada dun título e pode incluír un breve comentario ou reflexión de non máis de 12 liñas. Os arquivos das fotografías deben presentarse en formato JPG e ter un máximo de 5 MB, non aceptándose retoques nin fotomontaxes.

Valorarase en cada imaxe a orixinalidade, estética, capacidade comunicativa, calidade e adecuación á temática do concurso e a súa decisión publicarase no Taboleiro Electrónico da USC e na web da Facultade de Química. Os premios entregaranse o xoves 14 de novembro na Aula Magna do mesmo centro durante o acto de conmemoración do patrón das Ciencias.

O xurado deste concurso de fotografía estará composto por un membro de cada unha das cinco facultades organizadoras e unha persoa en representación da RAGC, actuando como presidenta a representante da Facultade de Química María del Carmen Yebra Biurrun; poderá contar coa asesoría dunha persoa experta en imaxe.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2024.