Presentado o libro Álbum de visitas da Facultade de Medicina de Santiago 1933-2016
Premios Nobel, profesionais da Medicina, personalidades da política ou da realeza deixaron constancia do seu paso pola Facultade de Medicina no libro de visitas do centro, de actualidade pola presentación este xoves do libro Álbum de visitas da Facultade de Medicina de Santiago 1933-2016. O reitor Juan Viaño e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presentaron o volume nun acto protocolario no Colexio de Fonseca no que tamén interviñeron o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal; o historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez; e editor de Bolanda, Antonio Couto Rego.
Este libro é, en opinión do reitor Viaño, “testemuña dunha historia: a historia dos éxitos da nosa Facultade de Medicina e Odontoloxía e da nosa Universidade como referente na formación de persoal sanitario e que ao longo destes case 100 anos abriu as súas portas a case 200 persoeiros que deixaron a súa pegada no libro de honra do centro”.
Ao fío do período abarcado pola obra, queda constancia do “papel da universidade como mecanismo de apertura internacional” e da propia Facultade que “acolleu científicos e tamén políticos de renome procedentes de Europa e América”. O libro evidencia como a pesar das dificultades de periódicos históricos concretos, a Universidade “seguiu conectado co mundo”. Nesta mesma liña temporal, a lista de sinaturas péchase coas das persoas que teñen intervido na adxudicación da redacción do proxecto de construción dunha nova Facultade a carón do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, “un novo centro pensado para ser único en Galicia”, lembrou Viaño.
A obra recolle a testemuña dun importante número de personalidades académicas e científicas que deixaron constancia do seu paso pola Facultade compostelá. Entre outras o volume reproduce as palabras de Antonio Egas Moniz, André Frèderic Cournand ou Andrew Victor Schally, todos eles recoñecidos co premio Nobel, así como de Severo Ochoa, en dúas ocasións. Tamén figuran, entre outros, Teófilo Hernando Ortega, pai da farmacoloxía moderna; o doutor Christiaan Barnard, que realizou o primeiro transplante de corazón, ou Vincent Meininger que traballou nos tratamentos da esclerose lateral amiotrófica (ELA).