A finalidade da convocatoria do Certame de grupos musicais é a de fomentar e facer visible a actividade artística e creativa no ámbito da música moderna da comunidade universitaria da USC e, dun xeito especial, do seu estudantado.
Unha vez publicada a resolución da convocatoria, abrirase a fase de selección final que determinará as propostas gañadoras a través dunha actuación en directo nalgún dos concertos da Primavera Cultural 2025, cunha intervención dun máximo de 10 minutos por aspirante.
Establécense tres premios:
- Primeiro premio, de 800 euros
- Segundo premio, de 450 euros
- Terceiro premio, de 250 euros
Máis información na convocatoria.
- Poderá participar nesta convocatoria calquera membro da comunidade universitaria.
- As persoas participantes poden inscribirse de maneira individual ou como grupo. No caso dos grupos, requírese que teñan entre os seus compoñentes polo menos 2 membros da comunidade universitaria, ou 3 no caso de grupos de 5 ou máis compoñentes. Todos os membros do grupo deberán cumprir os requisitos da convocatoria.
- Cada participante ou grupo poderá presentar unicamente unha solicitude e unha proposta musical.
- Os temas presentados teñen que ser orixinais e non poden ter sido premiados en ningún outro concurso. Non poden tomar parte nesta convocatoria quen teña editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e que non contén con respaldo discográfico na actualidade.
A solicitude de participación, xunto coa documentación requirida, deberá presentarse no modelo que figura como Anexo a esta convocatoria por parte da persoa que represente ao grupo. As solicitudes deberán dirixirse á Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e presentarse no Rexistro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela, desde o día seguinte da publicación da Convocatoria no Taboleiro Electrónico da USC ata o 22 de xaneiro de 2025.
Máis información na convocatoria.