Pasar al contenido principal

Galgrape, un penso complementario creado a partir de extracto natural de bagazo de uva da variedade albariño

Un momento da presentación de Galgrape. FOTO: i-Grape Laboratory
Un momento da presentación de Galgrape. FOTO: i-Grape Laboratory
Caracterízase, segundo a spin-off da USC i-Grape, polo seu alto contido en compostos bioactivos e polas súas propiedades naturais antimicrobianas e antioxidantes

A empresa i-Grape Laboratory, unha spin-off derivada da Universidade de Santiago de Compostela, presentou o venres 18 de outubro  na Aula Magna da Facultade de Química un novo produto: o Galgrape, un penso complementario líquido para alimentación animal formulado a partir de extracto natural de bagazo de uva da variedade albariño. Ao evento asistiron medio cento de persoas, entre os que se atopaban representantes de empresas produtoras punteiras no sector e persoal do ámbito científico. 

A presentación foi presidida pola vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, quen estivo acompañada polo delegado de Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, e pola técnica da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC Susana Torrente; tamén estivo presente Raúl Rodríguez Couto, como representante da Axencia Galega de Innovación. Por parte da empresa interviñeron a directora científica, Marta Lores, e o director executivo, Juan Verdes, tras os cales falou a veterinaria da empresa Avícola Rivadulla S.L., Raquel García.

Juan Verdes faloulle aos asistentes do estado actual da empresa, da capacidade de produción e do equipo. Pola súa banda, Marta Lores relatou o proceso da materia prima, o bagazo de uva branca albariño, dende a súa recolección ata a obtención e caracterización dos extractos, así como o control analítico e de calidade. Finalmente, foi a quenda da veterinaria da empresa Avícola Rivadulla S.L., Raquel García, a cal contou como foi a experiencia de campo de colaboración na elaboración de Galgrape. 

Galgrape, segundo indica a empresa, “é un penso complementario que se caracteriza polo seu alto contido en compostos bioactivos, entre os que destacan os polifenois polas súas propiedades naturais antimicrobianas e antioxidantes”. Materializouse “a partir dos resultados do proxecto europeo NeoGiANT H2020 project, que segue en desenvolvemento para obter outras aplicacións dos nosos extractos”.

Este penso, sinalan desde a spin-off, “destaca polo benestar observado nos grupos de animais aos cales se lle administra, reducindo e mesmo eliminando a necesidade do uso sistemático de antibióticos” e “demostrou ser efectivo tamén en situacións de estrés ou cando se presentan dificultades no desenvolvemento”. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.10.2024.