Catro institutos de secundaria galegos traballaron a cultura da sustentabilidade cun proxecto da USC
Xerar procesos formativos co profesorado e o alumnado dos centros educativos de Galicia que faciliten a construción dunha cultura da sustentabilidade, o coidado e a cooperación a nivel local e global é o principal cometido do proxecto ‘+ Comunidade’ posto en marcha pola Facultade de Ciencias da Educación e a ONG Intered Galicia. Coa iniciativa colaboran os IES de Valga, Ramón María Aller Ulloa de Lalín, Eduardo Pondal de Santiago e As Ínsuas de Muros.
O instituto lalinés desenvolveu unha aplicación para móbil que localiza os focos de lixo detectados no municipio, mentres que o de Muros se centrou na recuperación de antigas lendas e o compostelán traballou sobre os coidados das persoas e a democratización dos fogares.
Pola súa banda, en Valga levaron a cabo actividades relacionadas co medio ambiente. Dende unha xornada de recollida de lixo nun vertedoiro incontrolado, unha visita ao Punto Limpo, unha xornada de colaboración co Seprona e a Policía Local e o estudo dalgunhas rutas de transporte escolar do IES para calcular o consumo de combustible dos autobuses e as emisións de CO2.
O traballo realizado por eses catro centros presentouse o venres nunha xornada no Auditorio de Valga que reuniu nas instalacións municipais alumnado do instituto valgués e do IES compostelano Eduardo Pondal. Nela, o profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC e coordinador do proxecto, Germán Vargas, falou do futuro do planeta e do que podemos facer por mellorar este mundo, “que pasa por saír deste modelo que temos creado para construír un novo mundo”.
Vargas sintetizou os obxectivos do proxecto en “formar a profesores para que traballen co alumnado en valores ambientais e no coidado do entorno natural e das persoas” á vez que avogou por “ un cambio no estilo de vida, menos consumista, destrutivo e contaminante e máis axustado aos límites da natureza e ao respecto dos dereitos humanos”. No mesmo sentido, Lucía López, de InteRed Galicia, apostou por “cambiar os nosos hábitos para que a sustantabilidade sexa posible”. Tamén o director do IES de Valga, Roberto Barral, advertiu ao alumnado sobre a “grande responsabilidade que tedes: corrixir os erros que cometemos outras xeracións” no tocante ao coidado do medio ambiente, o consumo responsable ou a visibilización de traballos non recoñecidos.
A presentación contou tamén coa presenza do alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, así como profesorado dos dous institutos participantes.
O coordinador do proxecto é o profesor da USC Germán Vargas O estudantado presentou as accións da iniciativa