Pasar al contenido principal
  • USC

O Consello de Goberno aproba as bases de planificación do seu persoal docente e investigador para 2025

 No 2025 seguirase prestando atención á incorporación de novo profesorado. FOTO: Santi Alvite
No 2025 seguirase prestando atención á incorporación de novo profesorado. FOTO: Santi Alvite
Actualizouse ademais o protocolo fronte as violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero na USC, que introduce varias novidades

A planificación en materia de persoal docente e investigador para 2025 terá como obxectivo principal garantir unha dotación estrutural suficiente das diferentes áreas de coñecemento así como a viabilidade económica da institución mediante unha previsión prudente e rigorosa da incorporación de efectivos e da evolución vexetativa da masa salarial. Apoiándose nestas dúas consideracións, o Consello de Goberno aprobou este venres 25 as bases para a elaboración da Planificación de Profesorado 2025 que seguirá desenvolvendo a xestión dos recursos humanos cunha especial atención ao avellentamento do PDI, aos procesos vindeiros de xubilacións, á incorporación de novo profesorado e á promoción, así como atender os cambios introducidos pola Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU).

Tomando en consideración estas circunstancias, as liñas xerais de actuación en materia de PDI propostas para 2025 cobren un abano que vai desde a incorporación de novos docentes ata a estabilización de profesorado e persoal investigador con contratos temporais e a promoción de profesorado acreditado para os corpos docentes de titular e catedrático/a de universidade.

Deste xeito, a planificación de PDI para 2025 busca reducir o número de contratos temporais, especialmente de profesorado substituto de longa duración e limitar a contratación de profesorado asociado a aquelas situacións que esixen esta figura. Tamén se procurará ofrecer posibilidades de estabilización ao profesorado e persoal investigador con contrato temporal adiantando, na medida en que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, os procesos de estabilización e priorizando o emprego da figura de profesorado titular. Como xa sucedeu nos últimos anos, ofrecerase a posibilidade de promoción ao profesorado acreditado e potenciarase a creación de prazas con vinculación asistencial en áreas de Ciencias da Saúde con actividade clínica.

Protocolo de xénero
O Consello de Goberno deu tamén a súa aprobación á actualización do protocolo de 2016 fronte ás violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero na USC.

Este novo protocolo adapta o contexto institucional na materia ao marco legal vixente. Recolle tamén os deberes en materia de elaboración de plans de igualdade que figuran na LOSU, a elaboración de plans estratéxicos e o seu seguimento e a actuación da Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) na elaboración do Orzamento da USC. Introdúcese tamén o sistema de gobernanza do protocolo, delimitando as funcións dos distintos órganos que interveñen e dotando de maior capacidade e competencias á Comisión para a atención de violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero na USC, para simplificar os procedementos tramitados por ela. Así mesmo, introdúcese un sistema voluntario de apoio ás vítimas que será o enlace entre a vítima e a propia USC para facilitar estas relacións. Faise especial incidencia nos mecanismos de información, difusión, sensibilización e formación, establecendo novas medidas específicas neste ámbito para a mellora do clima laboral, e tamén medidas formativas específicas para as persoas agresoras.

Cátedra
Tamén este venres se aprobou a creación da Cátedra institucional Médico Alejandro Álvarez Coira, que estará dedicada a fomentar a docencia, investigación e difusión do coñecemento no campo de Ciencias da Saúde. En particular, centrarase en promover o talento académico e estimular o interese dos estudantes con excelentes expedientes académicos das titulacións de grao da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Esta cátedra xurde a partir da doazón do doutor Alejandro Álvarez Coira que deixou manifestada no seu testamento.

Outros asuntos
A reunión do Consello de Goberno deu tamén este venres o seu visto bo ao regulamento do Centro de Formación de Persoal, a un mestrado propio, ás memorias de estudos propios así como á proposta de nomeamento de director en funcións do departamento de Matemáticas, ademais de renovar o representante da USC no Consello Escolar de Galicia.
 

O Consello de Goberno tivo lugar en San Xerome. Foto: Santi Alvite
O Consello de Goberno tivo lugar en San Xerome. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.10.2024.