Pasar al contenido principal

Nace o Instituto de Humanidades (iHUS) da USC

O iHUS presentouse no centro de Estudos Avanzados
O iHUS presentouse no centro de Estudos Avanzados
Con carácter interdisciplinario, o iHUS tratará de dar resposta aos retos máis urxentes da nosa sociedade

Un total de 105 persoas docentes e investigadoras no ámbito das Humanidades, das Ciencias Sociais e da Medicina conforman de inicio o Instituto de Humanidades da USC (iHUS), o primeiro instituto de investigación en Humanidades do Sistema Universitario de Galicia, que se crea para dar resposta a unha masa crítica investigadora e dentro dunha política científica de artellar o esforzo investigador en grandes unidades máis competitivas.

Con carácter interdisciplinario, o iHUS tratará de dar resposta aos retos máis urxentes da nosa sociedade, como son o benestar, a equidade e a xustiza nun planeta ameazado pola crise ambiental e enerxética; o impacto da tecnoloxía e da dixitalización, a intelixencia artificial, as súas posibilidades e os seus retos a nivel ético e tecnolóxico; e o cambio global, a mobilidade humana e as crises migratorias e de fronteiras, asuntos directamente relacionados coa construción de identidade(s), memoria histórica, fluxos transnacionais ou herdanzas culturais.

Do seu persoal docente e investigador, 58 son figuras consolidadas e 47 perfís noveis. Deles e delas, o 47% son mulleres e o 53% homes, que mobilizan recursos plurianuais por importe superior aos 3,5 millóns de euros en catro anos, cunha intensidade de 33.300 euros per cápita.

O novo instituto presentouse no centro de Estudos Avanzados nun acto que estivo presidido pola vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera, e no que interveu a directora comisaria do iHUS, Laura Mª Lojo Rodríguez. Nese mesmo acto tivo lugar un espazo de conversa con outros centros de investigación como o CiTIUS, o CRETUS, o IDEGA, o IGFAE, o ILGA ou o iMATUS; ademais de intervir diversos membros da Comisión de Avaliación Externa do iHUS chegados das Universidades de Múnic, La Laguna e Málaga.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.10.2024.