Pasar al contenido principal

Unha placa en homenaxe a Luisa Cuesta pon en valor a valentía das universitarias pioneiras en Galicia

A placa inaugurouse na Facultade de Dereito. FOTO: Santi Alvite
A placa inaugurouse na Facultade de Dereito. FOTO: Santi Alvite
Foi a primeira muller docente universitaria na comunidade, ademais de investigadora e bibliotecaria, e converteuse tamén na primeira muller estudante de Dereito na USC

O 26 de outubro de 1924 Luisa Cuesta Gutiérrez impartía a súa primeira aula na Universidade de Santiago, converténdose así na primeira profesora universitaria de Galicia. Para lembrar esta importante efeméride, este luns 28 descubriuse unha placa conmemorativa na Facultade de Dereito nun acto, presidido polo reitor Antonio López, que se desenvolveu coa participación da decana da Facultade de Dereito, Ana Gude Fernández; a profesora do Departamento de Dereito Público, Especial e da Empresa, Lidia Gil Otero, e a profesora do Departamento de Historia, Ana Cabana Iglesia.

O reitor Antonio López lembrou a traxectoria de Luisa Cuesta, afirmando que a USC debe “seguir traballando pola memoria das pioneiras coma ela”, o que permite reflexionar arredor do papel destas mulleres na universidade en xeral e especificamente na de Santiago, porque abriron portas a outras mulleres que hoxe permiten seguir avanzando na consecución dun equilibrio entre mulleres e homes nos distintos estamentos do labor universitario, e nese sentido asegurou que “temos avanzado moito, pero quédanos moito por facer”.

A profesora da Facultade de Humanidades Ana Cabana fixo un percorrido pola biografía da homenaxeada e cualificou esta iniciativa como “un acto de memoria e de xustiza cara a Luisa Cuesta”, de quen salientou que desenvolveu distintas funcións na USC, desde bibliotecaria, alumna de terceiro ciclo así como de grao, pois foi a primeira estudante de Dereito na USC, titulación naquela época moi masculinizada xa que, indicou, só trece mulleres estudaban Dereito en España.

Pola súa banda, Lidia Gil, quen interveu en representación do profesorado do centro, subliñou “o valor engadido que ten visibilizar o feito por mulleres coma Luisa Cuesta”, de quen dixo que a sente como “un referente feminino ao que poder mirar, na obriga de recoñecer o camiño iniciado”. Ana Gude destacou que as decisións de Luisa Cuesta “mostraban unha gran vontade de superación nun momento de inestabilidade política, social e económica". Neste sentido, enfatizou, o descubrimento desta placa é un símbolo de recoñecemento á súa valentía como pioneira”.

Biografía
Luisa Cuesta (Medina de Rioseco-Valladolid, 1892-Madrid, 1962) enfrontouse ás condicións socioeconómicas da muller de principios do século XX para protagonizar unha brillante carreira como docente, investigadora e, sobre todo, bibliotecaria, reflectida nunha obra bibliográfica importante que abrangue temas que van desde a investigación histórica ata o feminismo e, xa na súa última etapa, a historia da imprenta.

Mestra superior e funcionaria do corpo de bibliotecarios, traballa na Biblioteca da USC ata 1930, cando marcha a Madrid destinada á Biblioteca Nacional que dirixiu en 1937. Foi perseguida e purgada por ser contraria ao réxime fascista ata que foi readmitida en 1945, vivindo marxinada ata a súa xubilación.

O seu paso por Santiago deixou pegada. Ao chegar á cidade matriculouse en Dereito, sendo a primeira muller que o facía. Cursou 15 materias nesa facultade, 11 delas avaliadas con sobresaliente, pero a pesar do seu extraordinario currículo os seus pasos profesionais ficaron vencellados ao mundo das bibliotecas, con importantes traballos na conformación da Biblioteca América da USC.

Na súa estadía en Galicia, ademais de impartir docencia na Facultade de Filosofía e Letras e de manter relación co Seminario de Estudos Galegos, publica estudos dedicados a cuestións americanistas, sobre todo relacionados coa colonización e emigración.
 

Ana Gude, esquerda, Ana Cabana, Antonio López e Lidia Gil. FOTO: Santi Alvite
Ana Gude, esquerda, Ana Cabana, Antonio López e Lidia Gil. FOTO: Santi Alvite
A homenaxe desenvolveuse na Facultade de Dereito compostelá. FOTO: Santi Alvite
A homenaxe desenvolveuse na Facultade de Dereito compostelá. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.10.2024.