Pasar al contenido principal

A Casa Habanera de Guitiriz acolle do 19 ao 21 de xullo o curso da Universidade de Verán da USC ‘Camiños e paisaxe’

Logo da Universidade de Verán 2017 da USC
Logo da Universidade de Verán 2017 da USC

‘Camiños e paisaxe’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 19 ao 21 de xullo na Casa Habanera de Guitiriz. Estruturado en 24 horas lectivas e aberto á participación de todas as persoas interesadas na temática, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polo profesor Roxelio Pérez Moreira.

Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que xa se ten convertido nunha cita consolidada do verán guitiricense, pasan por examinar a relación entre camiños e paisaxe desde diferentes áreas de coñecemento, con relatorios referidos á historia, xeografía, enxeñaría, economía, urbanismo e ó medio ambiente, así como á percepción literaria ou artística.

O catedrático do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC Francisco Díaz-Fierros Viqueira abrirá o 19 de xullo cunha charla sobre paisaxe e territorio no Camiño Francés a Santiago a quenda de intervencións deste foro, no que participarán máis dunha ducia de relatores, que abordarán cuestións ligadas aos camiños históricos, científicos, estelares, sendas sanitarias, corredoiras e corredores biolóxicos, camiños máxicos, literarios, forestais... para rematar cunha camiñada pola guitiricense ruta da Pedra e da Auga.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 7 de xullo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2017.