Pasar al contenido principal

Aberta a inscrición nas xornadas ‘Vacún de leite e pastoreo’, que se desenvolverán o 14 de novembro na EPS de Enxeñaría da USC

Vacas de leite, en réxime de pastoreo
Vacas de leite, en réxime de pastoreo
As persoas interesadas en participar neste foro poden inscribirse de balde a través do enderezo de correo electrónico pedrofiz.rocha@usc.es ou no teléfono 630 526 850

O Campus Terra da USC celebrará o 14 de novembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría as xornadas ‘Vacún de leite e pastoreo’, un foro aberto á participación de produtores e demais profesionais ligados ao sector, no marco do que varios relatores ofrecerán a súa visión respecto das vantaxes que pode reportar o pastoreo fronte á actual crise de presos do leite.

A eliminación das medidas de apoio aos prezos e de control da produción polas cotas que estiveron vixentes nas últimas décadas no mercado europeo está provocando unha maior variabilidade e uns niveis de prezos máis baixos. Nesta nova situación resulta interesante coñecer as experiencias sobre a produción de leite baseada nos prados e no pastoreo desenvolvidas en Francia, Holanda e Irlanda, así como a existente en Galicia. Ante esta situación, o Campus Terra da USC presenta esta xornada sobre vacún de leite e pastoreo co obxectivo de achegar información de utilidade ao respecto do novo contexto do sector a gandeiros, persoal técnico e estudantes

As xornadas, de inscrición gratuíta para todas as persoas interesadas, desenvolveranse en quenda de mañá e tarde. O programa comezará coa exposición introdutoria sobre a produción de leite en Galicia, a cargo do profesor Francisco Sineiro. De seguido, tres relatores chegados de Holanda, Francia e Irlanda, que presentarán en Lugo as experiencias de pastoreo, estratexias de xestión para a optimización da produción de leite e mesmo sobre a evolución experimentada polo sector de vacún de leite trala supresión do sistema de cotas leiteiras. Unha sesión de debate, moderada por Francisco Sineiro, servirá de colofón da xornada matinal.

O profesor da Facultade de Veterinaria da USC Gonzalo Fernández Rodríguez abrirá a sesión de tarde, durante a que técnicos do Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Xunta de Galicia, e do Ligal, afondarán sobre a relación existente entre os sistemas de produción e a calidade do leite de vacún en Galicia, ao tempo que presentarán os resultados dalgúns proxectos cooperativos de investigación xa desenvolvidos.

O técnico especializado en pastos e asesor Xan Pouliquen pechará a quenda de relatorios cunha intervención baixo o título ‘Pastar en Galicia? É posíbel e redíbel!’. A posta en común das experiencias de dous produtores, como o son José Eladio Lavandeira, da SAT Xesteira, de Zas, e Daniel Veiga Legazpi, da gandería Patalarga, de A Pastoriza, servirá de epílogo deste foro.

As persoas interesadas en participar nesta xornada de carácter informativo, pero cunha marcada orientación técnica, poden formalizar a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico pedrofiz.rocha [at] usc.es (pedrofiz[dot]rocha[at]usc[dot]es) ou no número de teléfono 630 526 850.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.11.2017.