A USC e a Fundación Araguaney – Puente de Culturas reflexionarán sobre a cuestión palestina dende o dereito internacional
Reflexionar sobre a cuestión palestina dende o dereito internacional é o propósito do seminario que o Mestrado Universitario en Estudos Internacionais da USC e a Fundación Araguaney – Puente de Culturas organizan para o vindeiro 22 de novembro no Salón de Graos da Facultade de Dereito.
A xornada dará comezo ás 10.00 horas cunha breve introdución a cargo do coordinador do mestrado, Miguel Arenas Meza, do presidente de honra da Fundación Araguaney , Ghaleb Jaber Ibrahim, e do director da Fundación, David Rodríguez Seoane. Deseguido intervirá Jesús Núñez Villaverde, codirector do Instituto de Estudos de Conflitos e Axuda Humanitaria (IECAH), experto en relacións internacionais, seguridade internacional, construción da paz e prevención de conflitos violentos e mundo árabe-musulmán, coa conferencia ‘Panorámica xeopolítica de Palestina, entre convulsións violentas e a esperanza da paz’.
‘O conflito en Gaza ante o Dereito Internacional Humanitario’ é o tema do relatorio que pronunciará ás 11.00 horas o profesor titular de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da USC Julio Jorge Urbina. Seguiralle a catedrática de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Universidade de Málaga Ana Salinas de Frías cunha intervención titulada ‘A guerra en Gaza. Pode a loita contra Hamás xustificar un xenocidio?’. O seminario rematará cun coloquio entre todas as persoas asistentes.
Esta iniciativa da USC e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas promóvese no marco do protocolo de colaboración asinado entre ambas entidades o pasado 18 de xullo, que contempla a realización de actividades encamiñadas á formación, divulgación, investigación ou á sensibilización social da cidadanía e da comunidade universitaria.