Prende unha nova Faísca sobre como os medios dixitais transforman as nosas relacións afectivas
Reflexionar sobre como as nosas relacións afectivas, tanto políticas como persoais, se están transformando coa aparición dos medios dixitais é o propósito da nova Faísca Cultural que se desenvolve estes meses en distintos centros do Campus compostelán da USC. ‘i-Emotions: Afectos Dixitais’ inclúese dentro da programación do Outono Cultural e está deseñado como complemento da exposición 'Afectos Dixitais' que ocupará entre novembro de 2024 e febreiro de 2025 o Salón Artesoado do Colexio de Fonseca.
A nova programación inclúe unha serie de citas, abertas a toda a comunidade universitaria, nas facultades de Ciencias da Educación, Ciencias Políticas e Sociais, Dereito, Filosofía, Medicina e Odontoloxía e Psicoloxía.
A próxima Faísca será o vindeiro mércores 13 na Facultade de Psicoloxía e leva por título ‘Violencia de xénero na era dixital: desafíos contemporáneos e prevención da violencia contra as mulleres’. A partir das 18.00 horas na Aula 10, o estudantado do mestrado en Psicoloxía, coordinado pola profesora Cristina Gómez Román, reflexionará sobre como as tecnoloxías dixitais están a transformar as formas de violencia de xénero, introducindo novas manifestacións de abuso que, a miúdo, permanecen invisibles.
A partir dos conceptos teóricos sobre a violencia contra as mulleres, abordaranse os novos retos contemporáneos, como o acoso dixital, a violencia nas relacións de parella a través das redes e a trata de mulleres en contextos dixitais. A actividade estará directamente vinculada coa preparación para o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N).
Faíscas de novembro
Os afectos dixitais e a súa incidencia nos dereitos da personalidade será a seguinte Faísca, o día 19 na Facultade de Dereito, na que participará estudantado do primeiro curso do grao. Coordinado polas profesoras Antonia Nieto Alonso e Julia Ammerman Yebra traballarán sobre os dereitos da personalidade baseándose en varias obras da exposición.
Xa o 21 de novembro, ás 10.00 horas no laboratorio de Neuropsicoloxía da Facultade de Psicoloxía, o estudantado do máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria, coordinado pola profesora Montserrat Corral Varela, realizará unha actividade centrada no cyborg como ser formado por materia vida e dispositivos electrónicos. Reflexionarán sobre as interfaces biolóxicas humano-máquina na atención a persoas con dano cerebral adquirido con amnesia. En concreto, analizarase a obra 'Transplant' de Quimera Rosa. Esta faísca repetirase o día 28.
A Facultade de Xeografía e Historia será o escenario da Faísca do día 26 'Tecnoloxías sociais táctiles e consentimento exploradas en proxectos artísticos', na que a artista interdisciplinaria Laura A. Dima presentará, dentro do Seminario Futuros Urbanos, a súa investigación sobre as tecnoloxías sociais táctiles e proporá ás persoas participantes á elaboración conxunta dun protocolo sobre o que consentimos e o que non deberiamos consentir nos medios dixitais.
As faíscas do mes de novembro rematarán nas facultades de Filosofía e Medicina, cos títulos ‘Emocións, ciencia e creatividade no mundo dixital’ e ‘Emoción expandida: moléculas e máquinas’, respectivamente. A primeira delas será o 27 de novembro e consistirá nunha mesa redonda na que Pilar del Puerto, unha das artistas da exposición; Germán Sierra, profesor de Neurociencia da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC; Xavier de Donato, profesor de Filosofía da USC, e Aránzazu Pérez, co comisaria da exposición, reflexionarán sobre os condicionantes dos medios dixitais no ámbito creativo. Na segunda, o profesor Germán Sierra acompañará o estudantado da materia Neuroquímica do mestrado en Neurociencia nunha visita guiada co comisariado da exposición para discutir o impacto dos medios dixitais nas emocións humanas.
Faíscas Culturais
As Faíscas Culturais son proxectos artístico-pedagóxicos que se sitúan na intersección que existe entre o coñecemento académico e a expresión artística. Trátase dunha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural