Pasar al contenido principal

Residuos de froita como alternativa aos colorantes artificiais

Ordóñez Santos, na súa intervención ante estudantes e docentes da USC no edifcio Cactus
Ordóñez Santos, na súa intervención ante estudantes e docentes da USC no edifcio Cactus
O profesor da Universidade Nacional de Colombia Luis Eduardo Ordóñez presenta no Campus Terra da USC os resultados de I+D sobre valorización de subprodutos de froitas

A valorización agroindustrial e o aproveitamento dos residuos de froitas como colorantes naturais alternativos e mesmo substitutivos dos artificiais centrou este luns un relatorio do profesor da Universidade Nacional de Colombia Luis Eduardo Ordóñez Santos no edifico Cactus do Campus Terra da USC, onde se atopa estes días no marco dunha estancia de investigación.

Ordóñez Santos, que realizou a súa tese de doutoramento na sede universitaria luguesa, ofreceu no seu relatorio unha exposición respecto da relación existente e dos posibles riscos que depara o consumo de colorantes artificiais para a saúde. Este profesor visitante da Universidade Nacional de Colombia salientou neste senso o potencial agroindustrial que posúen os residuos ou subprodutos de froita como fonte de pigmentos ou colorantes naturais.

No seu relatorio diante de profesores e investigadores do campus de Lugo, Ordóñez Santos presentou os resultados e as aplicación prácticas dalgunhas das liñas de investigación na que está a traballar co Grupo de Investigación en Procesos Agroindustrias (GIPA) da universidade colombiana, e que posibilitaron a obtención de pigmentos de orixe natural a partir dos residuos de froitas tropicais.

A extracción asistida por ultrasons dos pigmentos carotenoides presentes nas froitas tropicais e o uso destes colorantes naturais na industria de panificación logo da súa valorización agroindustrial foi outro dos aspectos salientados por Ordóñez Santos, quen tamén destacou a boa aceptación por parte dos consumidores das fariñas e produtos de panificación con pigmentación natural en troques de colorantes artificiais.

A catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos, Ángeles Romero Rodríguez, sinalou que esta liña de investigación sobre valorización de aproveitamento de residuos de froitas como colorantes naturais na que está a traballar a Universidade Nacional de Colombia pode dar pé a futuras colaboracións entre a institución académica colombiana e a Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC.

Recepción institucional

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, ofreceu este mércores unha recepción institucional ao investigador e profesor da Universidade Nacional de Colombia, un encontro ao que tamén asistiu a directora da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC, Ángeles Romero, e durante o que se abordaron posibles liñas de colaboración entre as dúas institucións académicas.

Luis Eduardo Ordóñez, Ángeles Romero e Javier Bueno, na Vicerreitoría de Lugo

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.11.2017.