Pasar al contenido principal

Un proxecto no que participa María José Alonso acada un dos premios CaixaResearch de Investigación en Saúde dotado cun millón de euros

María José Alonso (segunda pola redeita) con Guadalupe Sabio, Javier Solana e Ignasi López, na cerimonia de entrega dos premios.  Foto: Fundación ”la Caixa”
María José Alonso (segunda pola redeita) con Guadalupe Sabio, Javier Solana e Ignasi López, na cerimonia de entrega dos premios. Foto: Fundación ”la Caixa”
A iniciativa premiada pola Fundación ”la Caixa” busca trazar unha nova estratexia terapéutica para combater as enfermidades cardíacas

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC e investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas (CiMUS), María Jose Alonso, participa nun proxecto para trazar unha nova estratexia terapéutica para combater as enfermidades cardíacas que acaba de ser premiado pola Fundación ”la Caixa” na convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde 2024, dotada con 25,7 millóns de euros. Os galardóns entregáronse nunha cerimonia celebrada en CaixaForum Madrid á que asistiu a profesora da Universidade compostelá.

O proxecto, liderado por Guadalupe Sabio, do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) e que recibe unha subvención de 999.920 euros, lévase a cabo en consorcio coa profesora Maria José Alonso, con Hesham Sadek, do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (CNIC) e con Mónica Giménez Marqués, do Instituto de Ciencia Molecular (ICMol) da Universitat de València.

As enfermidades cardiovasculares son a causa principal de defunción en todo o mundo. O corazón, clave neste grupo de trastornos, é o órgano que presenta a demanda metabólica máis elevada e require dunha enorme flexibilidade para poder adaptarse aos cambios diarios. Calquera alteración no seu metabolismo aumenta o risco de que se produza un fallo cardíaco. Neste senso, o proxecto premiado estudará os mecanismos implicados no metabolismo cardíaco, o que abrirá a porta a identificar novas estratexias terapéuticas.

En estudos anteriores, o equipo identificou unha proteína clave no mecanismo de detección do osíxeno por parte das mitocondrias das células do músculo cardíaco, e os datos preliminares suxiren que a modulación deste mecanismo podería proporcionar protección contra danos cardíacos. Así, o equipo investigador avaliará a capacidade terapéutica dunhas nanopartículas deseñadas para eliminar, precisamente, esa proteína no contexto de hipoxia cardíaca e de infarto de miocardio, co obxectivo de dilucidar se se trata dunha estratexia viable para combater as enfermidades cardíacas.

Premio entre 580 propostas
CaixaResearch de Investigación en Saúde é unha convocatoria competitiva que conta con persoal experto internacional de gran prestixio nos seus campos de estudo para a selección dos proxectos de maior excelencia científica e impacto social. Desde os inicios do programa en 2018, a dotación total da convocatoria foi de 145,7 millóns de euros para 200 proxectos, 137 deles liderados por equipos españoles e 63 por grupos de investigación de Portugal. 
Nesta convocatoria, a Fundación ”la Caixa” seleccionou un total de 29 novos proxectos de investigación biomédica de excelencia con gran impacto social de entre as 580 propostas de investigación básica, clínica e traslacional presentadas. 

A convocatoria está especialmente dirixida á abordaxe de retos de saúde dentro de diferentes ámbitos para que poidan levarse a cabo en centros de investigación, hospitais e universidades de España e Portugal: enfermidades infecciosas (con 7 proxectos seleccionados), oncoloxía (6), enfermidades cardiovasculares e metabólicas (5) e neurociencias (5). Ademais, outras 6 iniciativas elixidas desenvolverán tecnoloxías facilitadoras nalgún destes campos.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.11.2024.