Pasar al contenido principal

Últimos días para participar no cuarto concurso ‘A ciencia en imaxe’

Cartel do concurso
Cartel do concurso

O venres 10 remata o prazo para participar na cuarta edición do concurso de fotografía ‘A Ciencia en imaxe’ que organizan as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química xunto coa Real Academia Galega de Ciencias con motivo da celebración da festividade de San Alberte Magno. O concurso está aberto a calquera persoa pertencente á comunidade universitaria da USC que poderá participar con calquera tema relacionado coas ciencias, a investigación e a divulgación científica.

Cada participante poderá presentar ata un máximo de tres imaxes dixitalizadas e realizadas con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. A fotografía enviada debe ser orixinal, inédita (non publicada en calquera medio de comunicación, incluídos os dixitais) e non presentada previamente a concursos. A imaxe virá nun ficheiro, acompañado dun título e un breve comentario ou reflexión do autor de entre 5 e 10 liñas que se incluirán na folla de rexistro. Deberá estar en formato ‘jpg’ e ter un tamaño mínimo de 2 MB (a organización recomenda un tamaño máximo de 5 MB). Ningún dos ficheiros enviados debe ter un nome que poda identificar ao participante.

O xurado estará composto por un membro de cada centro organizador, unha representación da Real Academia Galega de Ciencias e unha persoa experta en fotografía. Tamén o integrarán con voz pero sen voto o decano da Facultade de Física, como centro organizador este ano da festividade do patrón, e o secretario deste centro. O xurado decidirá por maioría as fotografías premiadas segundos os criterios de orixinalidade, estética e adecuación ao tema proposto, incluíndo tamén consideracións relativas á conciencia social e á capacidade crítica e comunicativa expresada.

A contía dos premios será de 300 euros para a imaxe gañadora e de 100 euros para as seleccionadas en 2º e 3º lugar. O xurado resérvase o dereito de asignar ata tres mencións de honra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.11.2017.